Recoñecementos médicos 2015

2 de febreiro de 2015



No Diario Oficial de Galicia número 21, do 2 de febreiro de 2015, publícase a Resolución do 28 de xaneiro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se lle dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2015 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Ligazón


Texto da Resolución

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no artigo 14.2.2.c) que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia realizará, entre outras funcións, a vixilancia da saúde dos empregados públicos que, en todo caso, terá que contar co seu consentimento, respectando o dereito á intimidade e á dignidade.

O Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia, reitera entre as funcións do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia a vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo, e a Orde do 25 de marzo de 2009 publica o procedemento de vixilancia da saúde.

Con base no dito anteriormente, publícase esta convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2015, de acordo coas seguintes premisas:

Primeira. Obxecto

Prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo, segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Segunda. Ámbito de aplicación

É aplicable a todos os traballadores da Xunta de Galicia agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

Terceira. Inscrición

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Servizo de Prevención de Riscos Laborais): www.xunta.es/riscos

A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.

Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición rematará transcorrido un mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

As/os responsables dos distintos centros de traballo facilitarán os medios necesarios para a inscrición.

Cuarta. Citacións

A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o/a traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

Quinta. Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo facultativo competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase a cada traballador/a.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2015



Servizo de Prevención de Riscos Laborais

Preme aquí

Solicitude de revisión médica anual