Vostedes queren facerme parva pero eu non son parva

12 de febrero de 2018

Carta aberta contestando as mentiras e manipulacións de Alfonso Rueda e Juan José Martín Álvarez


Hoxe, como cada mañá, erguinme; como cada mañá, acendín o computador para ler a prensa dixital mentres almorzaba e alí, na pantalla do meu computador, estaba o vídeo dunha “entrevista” na CRTVG a Juan José Martín Álvarez, Director Xeral de Xustiza,.

“Estamos ofrecendo un acordo salarial xeneroso e realista”, rezaba o titular da noticia.

Facendo de tripas corazón visionei a “entrevista”. Non, non foi unha entrevista o que vin, foi un anuncio publicitario cun guión perfectamente pactado e estudado palabra a palabra para agochar a falta de dialogo e de ofertas reais por parte da administración e para manipular os motivos que nos levan a esta folga.

Unha vez máis, manipulación, medias verdades, mentiras disfrazadas de supostas boas intencións por parte da administración, enchendo un espazo dunha televisión pública que todos pagamos, porque é dos impostos de todos os galegos de onde saen as subvencións coas que a xunta compra o espazo que necesita nos medios de comunicación para despregar o seu aparello de propaganda.

Tantos anos levan mentindo e manipulando, tan afeitos están a que o seu aparello de propaganda funcione, a enganar aos cidadáns, que tiveron a desvergoña de colgar na intranet de xustiza esa proposta de acordo que o DXX considera “xeneroso e realista”.



“Documento de peche” chámanlle á proposta que a Xunta nos ofrece aos funcionarios da xustiza a través dos nosos representantes na negociación, os sindicatos. Un documento no que se manipulan datos e que evidencia os motivos polos que os sindicatos non poden chegar a un acordo coa Xunta, salvo que queiran que os escorrentemos dos centros de traballo, unha proposta de acordo que nos levou a unha folga indefinida a xornada completa. Si que debe ser “xenerosa” a oferta cando máis do 75% dos traballadores de xustiza votaron en asemblea ir á folga indefinida a xornada completa, coas implicacións económicas que iso ten para os nosos petos.Si, si que é un “documento de peche”, é un documento de peche dos xulgados.

Cansa de que me tomen por parva, vou aclarar varias das falsidades que se esconden nese documento:
Para comezar e, en relación á oferta de subida salarial e ao cadro de retribucións que aparece no documento no que se nos compara co resto de comunidades dicindo que coa subida que nos ofrecen quedamos por riba de media, aclaro:

1.- No Estado español hai doce Comunidades con competencias transferidas en materia de persoal de xustiza, o resto de CC.AA. intégranse en territorio Ministerio, polo tanto Murcia, Baleares, Castilla-León, Castilla-La Mancha, Extremadura, Ceuta e Melilla, conforman neste ámbito un só territorio o chamado “Territorio Ministerio” que negocia co Ministerio de Justicia.

2.-Madrid tivo unha subida salarial no ano 2017 que non aparece reflictida na táboa da Xunta

3.-A Xunta para facer a comparación coas cantidades que percibimos actualmente en concepto de CAT e produtividade súmalles a subida salarial que nos ofrecen e que tería plenos efectos no 2021 e, esa cantidade, é a que toman como referencia para Galicia, mentres que para o resto do Estado toman como referencia o Complemento Autonómico que cobraban no ano 2017. Manda truco, si que nos toman por parvos se pensaban que non nos iamos dar conta.

Sr. Rueda, Sr Álvarez Martín os funcionarios de xustiza non somos parvos, isto é o que vostedes nos está ofrecendo para o ano 2018.


*Os 445,39€ saen da suma do CAT e a productividade, Fixen o mesmo cos outros territorios.

A comunidade de Madrid no 2019 terá un incremento de 30 euros máis.

O principado de Asturias. No ano 2019 terá un incremento de 29, 17 euros máis e no ano 2020 terá un novo incremento de 23,33 euros máis


Coa “xenerosa” oferta que nos fan para o ano 2021, o que cobrariamos nese ano seguiría estando por debaixo da media do que se cobra no resto dos territorios na actualidade.

Tomando como exemplo o corpo de auxilio xudicial, o que nos están ofrecendo é unha subida salarial do 0% no 2018 e unha subida do 2,6% en tres anos: 2019, 2020 e 2021. Pois si, si que é “xenerosa e realista” esa proposta.

Que non, que non somos parvos! E tampouco esquecemos que:

• No ano 2010 baixáronos o soldo unha media dun 5%.

• No ano 2012 quitáronnos ilegalmente, como sentenciaron numerosos xuíces, a extra de nadal.

• Nos anos 2013, 2014, 2015 e 2016 os funcionarios de xustiza de Galicia sufrimos uns recortes nas nosas pagas extras de entre 850 e 2500 euros cada ano, un total de entre 3400 e 10.000 euros, recorte que non tiveron os funcionarios do resto do estado

• Entre os anos 2010 e 2017 o IPC oficial foi dun 12 en Galicia, mentres que a vida subiu un 12% as nosas retribucións non só non subiron un só euro senón que sufrimos baixadas salariais e recortes nas pagas extras de varios anos.


Sr. Rueda, Sr. Álvarez Martín, como poden ver os funcionarios da xustiza en Galicia perdemos nos últimos anos máis dun 20% de poder adquisitivo e vostedes estannos a ofrecer: que no ano 2021 as nosas retribucións se incrementen en 55 € os auxilios, 62 € os tramitadores e 75 € os xestores.

Non, nós non pedimos unha subida salarial do 16% como está a dicir na prensa, só queremos recuperar o perdido nos últimos 8 anos e se, eses 55 € que vostedes nos ofrecen para o ano 2021, ofrecésenolos para o 2018 só estaríamos a recuperar un 2,6% dese + do 20% perdido, oferta que seguiría sendo inaceptable. Que nos propoña esas cantidades para o 2021 e que o cualifique de oferta “xenerosa e realista” é unha burla e unha falta de respecto a todos os traballadores da administración de xustiza.

Todo o anterior espertou a miña curiosidade por saber que retribucións teñen os políticos nesta e nas outras CC.AA. e, despois de visitar todos os portais de transparencia de todas as CC.AA., elaborei o seguinte cadro que non pretende ser exhaustivo só que sirva de exemplo das retribucións e dietas que teñen, en comparación coas retribucións das outras CCAA, os que deciden que nos non temos dereito a recuperar o perdido nos últimos anos.



(1) A xunta de Galicia fai comparecencias periódicas nas que detalla as viaxes que realiza e os obxectivos destes viaxes pero non ten por costume ofrecer os datos económicos dos gastos desas viaxes, cousa ben distinta do que ocorre en Cantabria e Asturias, onde eses gastos aparecen detallados no seu portal de transparencia.

(2) Os datos desta táboa foron recollidos dos portais de transparencia de cada una das comunidades autónomas.

(3) No último ranking de transparencia do INCAU Galicia aparece na 13 posición.

Que sorpresa!!! Resulta que o Presidente da Xunta, Sr. Feijoo e o Vicepresidente, Sr. Rueda atópanse na parte alta da táboa entre os políticos mellor pagados con relación ás restantes CCAA. Así que non hai diñeiro para equiparar aos funcionarios galegos cos funcionarios do resto do Estado, pero si que hai diñeiro para que os cargos políticos en Galicia teñan unhas das retribucións mais altas de todo o Estado.

Que non, que non somos parvos.

Non vou comparar os soldos en Galicia cos soldos en Euskadi, Navarra ou Madrid xa que, segundo manifestaron vostedes estes territorios xogan nunha liga diferente.

Non vou comparar as retribucións dos traballadores e políticos en Galicia cos de Cataluña, aínda que a nivel retributivo a situación é similar, non vaia a ser que sentan vostedes ofendidos.

Vou facerlles a comparativa cunha CCAA de corte conservador, tradicional, coma nos; situada no norte do Estado, coma nos.; cunha cesta da compra con prezos como os nosos cando non más baixos (seino de certo, vivín alí seis anos antes de regresar a esta miña terra). Estou a falar de Cantabria.

Observando as táboas que acompañan este escrito vemos:

 O complemento autonómico que paga Cantabria aos seus funcionarios de auxilio (e poño o exemplo dos que menos cobran) é de 607,70 €

 O complemento autonómico que paga Galicia aos funcionarios de Auxilio é de 435,79 € (e non lle sumo aquí os 9,8 euros de produtividade porque non sempre se percibe está retribución, mentres que en Cantabria os 607,70 € si se perciben en todos os casos)


Polo tanto un funcionario de auxilio de Cantabria cobra 162,11 € máis que un funcionario do mesmo corpo en Galicia. O complemento autonómico (a parte do noso salario que sae dos orzamentos da Comunidade autónoma) é un 37,2% superior en Cantabria que en Galicia.

Vexamos que retribucións teñen os presidentes destas dúas CCAA (retribucións que saen integramente dos orzamentos das CCAAA:

 Retribucións de Alberto Nuñez Feijoo, Presidente da Xunta de Galicia: 79.518,41 €

 Retribucións de Miguel Angel Revilla, Presidente de Cantabria: 60,129,34 €


Pois si, vai ser que Alberto Nuñez Feijoo cobra 19.389,07 € máis ao ano que o Sr. Revilla. O Presidente da Xunta percibe unhas retribucións un 32,23% superiores ás do Presidente de Cantabria.
E, por certo, o Secretario Xudicial en excedencia Juan José Martín Álvarez, percibe como Director Xeral de Xustiza unhas retribucións anuais de 64,668,10 €.

Sr. Rueda, Sr Álvarez Martín, están vostedes a dicirnos aos funcionarios da xustiza con menores retribucións de todas as CCAA con competencias transferidas en xustiza,que non podemos ter un incremento salarial co que poder recuperar parte do poder adquisitivo perdido dende o ano 2010, que imos seguir tendo descontos por ten unha gripe, unha pulmonía… cousa que non ocorre no resto de CCAA, cando só os presidentes de Cataluña, Madrid, Euskadi e Aragón teñen unhas retribucións máis altas que o Presidente da Xunta de Galicia, que está o 5º no ranking dos mellor pagados por riba do presidente de Navarra. Manda truco! en iso si se poden gastar os cartos públicos de todos as galegas e galegos.

Tamén afirmaron vostedes que están a ofrecernos o que lles permite a Lei Xeral de Orzamentos do Estado. Que ocorre, que esa lei é particularmente desfavorable para Galicia porque resulta que a Madrid e a Asturias si lles permitiu negociar unha subida salarial cos funcionarios de xustiza desas CCAA o ano pasado. Concretamente en Asturias asinouse un acordo cunha subida de retribucións lineal para todos os corpos e superior a 160 €. E miren vostedes tamén resulta que os funcionarios asturianos están mellor pagados que os galegos e os políticos asturianos teñen unhas retribucións máis baixas que os políticos galegos. Estache ben a cousa.

Os 236.500 € orzamentados para indemnizacións por razón de servizo da Presidencia da Xunta e os 724.246 € orzamentados para os mesmos conceptos para a Vicepresidencia, e que non se xustifica en que se gastan, fronte aos 6.492,22 € de dietas do presidente de Cantabria e os 2430,19 € de dietas da Vicepresidencia de Cantabria (dietas que aparecen detalladas mes a mes y perfectamente xustificadas no portal de transparencia da CCAA de Cantabria, falan por si mesmos e non precisan de ningún comentario.

E para rematar voulles dicir unha cousiña, en realidade eu creo que o anterior tan só é unha pequena parte do problema que impide que os funcionarios teñamos unhas retribucións máis xustas. En realidade o verdadeiro problema é: A CORRUPCIÓN





Como moi ben denuncia neste artigo Jesús Lizcano, catedrático de Economía Financeira y Contabilidade da Universidade Autónoma de Madrid e presidente do capítulo español de Transparencia Internacional, é a corrupción a que saquea as arcas do Estado, as reservas que financian os servizos ao cidadán, os seus dereitos e prestacións sociais

Si, son eses 90.000.000.000 € (90.000 millóns de euros) nos que cifra o CNMC o custe da corrupción en España, o problema que pon en perigo as pensións dos maiores, o sistema sanitario e a educación pública e o que provocou todos os recortes. Non hai diñeiro, non, os cartos públicos para pagar os servizos públicos e aos servidores públicos esfumáronse en tramas corruptas e están ben agochadiños en paraísos fiscais.

A Corrupción, esa lacra que socavou os cimentos do estado de benestar e que, fíxense vostedes, resulta que en mais do 40% das tramas de corrupción están implicados políticos do PP.

E a unha, que as veces é moi mal pensada, dáselle por pensar que ao mellor a vostedes non lles interesa que a xustiza funciones e, por iso, provocaron unha situación que levou aos funcionarios de xustiza a comezar hoxe, 07 de febreiro de 2018, unha folga indefinida.

E poderán mentir aos medios de comunicación e dar unhas cifras falsas do seguimento da folga, pero a realidade é que os traballadores que hoxe comezaron a folga na administración de xustiza somos case o 90%, e nos non imos ceder nesta loita, non imos abandonar, non imos caer no desanimo. Hoxe somos moitos e maña seremos máis.

Lola Filgueira. Funcionaria de Xustiza.


“La unidad que sirve es la que nos une en la lucha”