Miguel Ángel Cadenas, reelixido presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

27 de marzo de 2014

O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial reelixiu hoxe por unanimidade ao maxistrado Miguel Ángel Cadenas Sobreira para o cargo de presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.


Miguel Ángel Cadenas
Cadenas obtivo os votos dos 19 presentes no pleno, ao que non asistiron por motivos xustificados as vogais Roser Bach e Victoria Cinto. O maxistrado, único candidato ao posto, afronta así unha segunda etapa á fronte do citado Tribunal, tras ter sido nomeado para o mesmo en decembro de 2008.

O presidente do TSXG naceu en abril de 1947 e ingresou na carreira xudicial en 1974. Os seus primeiros destinos xudiciais foron no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución único de Valdeorras e no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ribadavia, ambos en Ourense. Tras exercer na Audiencia Provincial de Oviedo, entre 1986 e 1989, presidiu a Audiencia Provincial de Ourense.

Foi maxistrado da Audiencia da Coruña ata xullo de 1995, data na que obtivo praza de maxistrado na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Nomeado presidente dese Tribunal en decembro de 2008, tomou posesión do cargo o 19 de febreiro de 2009.

De acreditada experiencia nos terreos docente e formativo, desde 1990 é profesor asociado de Dereito Civil na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña. En 2010 foille concedida a Cruz de Honra de San Raimundo de Peñafort e ingresou na Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.


Publicado en www.lavozdegalicia.es

Ligazón permanente