Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta resolución:
a) Homes que se acollan á redución de xornada a que se alude no artigo 5 da presente resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario, e os socios das sociedades cooperativas, sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.
b) Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada a que se alude no artigo 5 da presente resolución. Por familia monoparental enténdese, segundo a definición que establece o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.
2. As persoas solicitantes, para obteren a condición de beneficiarias, deberán cumprir, ademais das exixencias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de anticipación ao inicio do período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda.
b) Convivir co/a fillo/a durante o período subvencionado.
c) No caso das familias non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballador/a por conta allea ou ben autónomo/a e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, habendo períodos non traballados, a suma destes non supere o 5 % do período subvencionado.
3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus/das súas fillos/as, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.
Ligazón permanente
Etiquetas: Axudas