O PP non quere pagarlle a extra de Nadal de 2012 aos funcionarios

28 de maio de 2014

Rexeita unha iniciativa do PSdeG co argumento de que ese diñeiro serviu para adoptar medidas contra a crise. 


Para recortes, a Xunta de Galicia
Todo o recoñecemento para o seu “esforzo”, pero a paga de Nadal de 2012 non a poderán cobrar, polo menos, de momento. Foi a resposta que tivo o PP cos funcionarios ao rexeitar unha iniciativa do PSdeG que pedía a “devolución” da parte proporcional da paga extra dese ano.

“A redución das pagas foi unha medida extraordinaria e puntual que, xunto con outras medidas tomadas fronte á crise, resultaron imprescindibles para garantir a prestación de servizos públicos”, xustificou a número tres do PP, Paula Prado.

E, acto seguido, lembrou que foi o Goberno de Zapatero quen máis lle quitou aos empregados públicos, “entre un cinco e un dez por cento”. Ademais, volveu insistir no argumento de sempre; o PP herdou un déficit de 9.000 millóns de euros no Estado.

A socialista Beatriz Sestayo indicou que a decisión de retirar a paga extra de decembro de 2012 aos funcionarios foi tomada "en contra da lei", como admiten agora varias sentenzas, que obrigan a devolver a contía aos funcionarios que denuncian.

Os votos do PP tamén impediron que prosperase unha proposta da nacionalista Tereixa Paz, que denunciou que aquela paga foi "expropiada de forma indebida".


Publicado o 27/05/2014 en www.galiciaconfidencial.com

Ligazón permanente