Ollo coas pagas extras do ano que ven?

3 de agosto de 2014

O Goberno gastará un chisco máis por vez primeira na era Feijóo. Con todo, a suba do orzamento é tan cativa, 48 millóns, que na práctica significa seguir apostando pola polémica "austeridade". O presidente promete que a taxa de paro reducirase dous puntos, pero seguirá por riba do 20%.


eijóo e Muñoz, conselleira de Facenda, presentando os orzamentos de 2015
O desemprego baixará en Galicia ao 20,3 por cento o vindeiro ano, cando actualmente é do 22,3%. Esta é unha das promesas máis importantes realizadas hoxe polo presidente do Goberno Galego na presentación do adianto das contas para 2015.

A visión presentada na rolda de prensa canda a Conselleira de Facenda é optimista. Segundo datos de Elena Muñoz, a economía medrará por riba do 1,8 por cento. Producirase tamén unha redución do déficit, espera o Executivo, que baixará do 1 ao 0,7%.

O teito de gasto de 8.436 millóns de euros, sendo a primeira vez que supera ao orzamento en vigor. Con todo, a suba é moi limitada, pois actuamente o orzamento é de 8.391 millóns. É dicir, subirá moi pouco, un 0,53%.

En 2010, o primeiro ano completo do goberno do PPdeG, o orzamento foi de 10.885,20 millóns. Noutras palabras, a suba presentada este venres significa en realidade unha caída do 33% do gasto dende hai catro anos.

Malia o reducido da suba interanual e a evidente reducción de recursos dende que el goberna, o presidente centrou este venres o discurso nisto. "“Aprobamos un teito de gasto que segue facendo compatible unha política responsable, unha política solvente, unha política que aposta polos servizos públicos e pola recuperación económica de Galicia”, dixo na rolda de prensa do Consello.

O plan do PPdeG pasa porque o Parlamento refrende este teito de gasto, que na práctica significa seguir apostando pola austeridade económica que a oposición culpa da destrución do Estado do Benestar.

En todo caso, a Xunta promete que "en 2015 consolidarase a recuperación económica e Galicia encadeará dous anos consecutivos de crecemento, o que non sucedía dende 2008".

A conselleira de Facenda indica que “este é o marco xeral no que nos moveremos para aprobar os Orzamentos de 2015 que, un ano máis, terán como primeira prioridade o gasto social e buscarán manter o máximo investimento produtivo”.

Pola súa banda Feijóo dixo que "estes presupostos permítennos manter blindados os servizos públicos esenciais; permítennos iniciar unha senda de recuperación económica; permítennos consolidar a recuperación iniciada nestes últimos trimestres; e permítennos –levamos xa tres trimestres consecutivos en positivo- que no ano 2015 a previsión do crecemento económico da economía galega estea arredor do 1,8%”.