Día triste para as mulleres. Este 25 de novembro conmemorase o Día contra a Violencia de Xénero, un día que no que se tería que celebrar o cese ou a diminución desta lacra en Galicia pero no que as cifras din todo o contrario.
E é que no que vai de ano, seis mulleres morreron por violencia machista, o que supón duplicar a cifra de falecidas en 2013 e constitúe o número máis elevado desde 2008, cando se produciron 7 mortes na Comunidade.
De feito, ao longo do primeiro semestre de 2014 presentáronse un total de 2.569 denuncias por violencia de xénero, cifra lixeiramente superior ás 2.552 presentadas no mesmo período de 2013. Destas denuncias, 1.098 presentáronse na provincia de Pontevedra, 917 na Coruña, 305 en Lugo e 294 na provincia de Ourense.
Sen embargo, as ordes de protección ditadas foron menores. Os xulgados galegos comunicaron até o mes de novembro un total de 694 ordes, entre medidas cautelares e ordes de protección e afastamento, fronte ás 834 rexistradas na mesma data de 2013.
Estas cifras e o empeoramento da situación teñen feito que todos os partidos galegos, sen excepción, teñan criticado a situación de indefensión na que se atopan moitas mulleres en Galicia e piden medidas de visibilización desta violencia na sociedade. Con todo, os grupos da oposición denuncian que esta situación ten que ver cos recortes públicos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.
Este martes, e para denunciar esta situación, celebraranse marchas en varias cidades galegas e mesmo xa se activou un hashtag en twitter #ForaMachismo25N.
Publicado o 25/11/2014 en http://www.galiciaconfidencial.com/
Ligazón permanente
Etiquetas: Prensa