Onde está a saída da estafa-crise?

23 de decembro de 2014





Cando estamos a piques de rematar o ano non deixamos de escoitar nos medios de comunicación afíns ao goberno, case que todos, que estamos na rampla de saída da crise.


Estes medios, especialmente TVE e a TVG, a pesares de que os seus traballadores loitan diariamente para que actúen coa obxectividade digna dun medio de comunicación, negan datos evidentes como que coa reforma laboral máis de 1.500.000 de traballadores perderon o emprego, que pecharon un número importantisimo de empresas, que subiron os impostos indirectos, aqueles nos que pagan o mesmo o rico coma o pobre, que se reduciron as prestacións sociais, que o número, segundo os datos de Caritas, das persoas que están no umbral da pobreza teñen aumentado dunha maneira nunca recordada, que a redución no investimento na sanidade pública está matando a cidadáns por falta de medios, que a Educación está a sofrer un abandono digno dos países do terceiro mundo.


Nota aparte merece o trato dado polos medios de comunicación cos recortes que levamos sufrindo os funcionarios públicos e sobre todo coa criminalización que se fixo e que aínda se fai de nós.
Alternativas


Ninguén falou dos descontos por estar enfermos, da perda dos días de vacacións e de asuntos particulares, que equivalen á perda de poder adquisitivo, xa que mentres o resto melloraba os seus convenios e contratos a nós dábannos días.


Tampouco falan das condicións nas que temos que traballar con xulgados cheos de expedientes, sen o expediente dixital, sen que se cubran as baixas con funcionarios interinos, sen que nas substitucións se cobre o 100% do salario...


As reducións das prestacións na MUGEJU non son portada de ningún periódico ou televisión.


A TVG, lonxe de dicir que só os funcionarios galegos seremos os únicos que veremos reducidos os nosos soldos nos anos 2015, 2016 e 2017, son capaces de INVENTAR unha noticia onde parece que no 2018 será Alberto Nuñez Feijoo, alias "O Salvador", o que CONSEGUIRÁ que os funcionarios galegos cobremos algo que ninguén cobra.


Este ano 2014 non foi máis que unha continuación das MENTIRAS DO GOBERNO DE NUÑEZ FEIJOO.


Dende Alternativas entendemos que o final de este ano debe ser tamén o final da actitude de submisión dos traballadores e da cidadanía en xeral contra as actitudes antisociais e privatizadoras.