Curso monográfico sobre o Estatuto básico do empregado público: reflexións, estado da cuestión e impacto da crise

9 de febreiro de 2015



No Diario Oficial de Galicia número 26, do 9 de febreiro de 2016, publícase a Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 19 de xaneiro de 2015 pola que se convoca un curso monográfico sobre o Estatuto básico do empregado público: reflexións, estado da cuestión e impacto da crise.


Ligazón


Texto

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico sobre O Estatuto básico do empregado público: reflexións, estado da cuestión e impacto da crise, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Transcorridos case oito anos desde a entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público, o obxectivo deste curso é analizar a problemática xurdida a raíz da súa implantación, así como do seu desenvolvemento e aplicación ao longo destes anos, facendo fincapé naquelas cuestións que, pola súa complexidade ou polas dúbidas na súa interpretación, merecen ser obxecto de debate e reflexión ao longo do curso, no cal participarán relatores de recoñecido prestixio, que coas súas explicacións nos permitirán ter unha idea máis clara da situación actual.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Ética e emprego público en tempos de incerteza.

– Ingreso do persoal laboral nas administracións públicas.

– A mobilidade xeográfica no emprego público.

– A extinción colectiva: marco legal, marco regulamentario e xurisprudencia.

– Reformas recentes pola crise e control do gasto público: impacto na xornada e nas prestacións sociais complementarias dos empregados públicos.

– Os traballadores indefinidos non fixos ao servizo das administracións públicas: unha anomalía xurisprudencial e legal.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas, estatal, autonómica ou local, así como dos seus entes instrumentais, persoal ao servizo da Administración de xustiza, xuristas, profesionais, docentes, universitarios e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 26 e 27 de febreiro de 2015.

Horario: 26 de febreiro, mañá e tarde; 27 de febreiro, mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 24 de febreiro de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización deste curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2015