Retribucións. Paga extra do 2012

5 de outubro de 2015



No Diario Oficial de Galicia número 190, do 5 de outubro de 2015, publícase a Lei 11/2015, do 1 de outubro, pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario en concepto de recuperación da paga extraordinaria de decembro de 2012 aos empregados do sector público autonómico de Galicia.


Ligazón


Texto

O Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, polo que se conceden créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento do Estado e se adoptan outras medidas en materia de emprego público e de estímulo da economía, recolle no seu artigo 1, co carácter de normativa básica e entre outras medidas de emprego público, o aboamento, dentro do exercicio 2015 e por unha soa vez, dunha retribución de carácter extraordinario polo importe equivalente a 48 días ou ao 26,23 por cento dos importes deixados de percibir como consecuencia da supresión da paga extraordinaria, así como da paga adicional de complemento específico ou pagas adicionais equivalentes, correspondentes ao mes de decembro de 2012, por aplicación do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo.

A normativa básica contida no mencionado Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, condiciona o dito aboamento polas administracións públicas a que a situación económico-financeira da Administración autonómica o faga posible. No caso contrario, o aboamento poderá pospoñerse ao primeiro exercicio orzamentario no que a situación o permita.

O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia xa previu na disposición transitoria décimo segunda da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a senda de recuperación dos niveis retributivos do persoal ao servizo do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, non pode esquecerse que os esforzos directos dos empregados públicos contribuíron á recuperación económica da que actualmente goza a Comunidade Autónoma. En consecuencia, dado que a actual situación económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia permite o aboamento das cantidades no presente exercicio 2015 sen afectar o cumprimento dos criterios e procedementos establecidos na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, é polo que se propón a aprobación desta lei para aplicar ao persoal do sector público autonómico de Galicia a medida en materia de emprego público prevista no artigo 1 do Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro.

Por outra banda, a retribución de carácter extraordinario que se establece nesta lei complementarase na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 coas dotacións que permitan a recuperación completa da paga extraordinaria suprimida no ano 2012.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario en concepto de recuperación da paga extraordinaria de decembro de 2012 aos empregados do sector público autonómico de Galicia.

Artigo único. Recuperación da paga extraordinaria e adicional de decembro de 2012 do persoal ao servizo do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Nos termos establecidos na normativa básica estatal, o persoal do sector público autonómico definido no artigo 13.Seis da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, afectado pola Lei 9/2012, do 3 de agosto, de adaptación das disposicións básicas do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade en materia de emprego público, percibirá no que resta de exercicio de 2015 unha retribución de carácter extraordinario, en concepto de recuperación da paga extraordinaria e adicional de decembro de 2012, do 26,23 por cento dos importes efectivamente deixados de percibir por aplicación do mencionado Real decreto lei 20/2012.

As cantidades que poderán aboarse por este concepto, sobre o importe deixado de percibir en aplicación do Real decreto lei 20/2012, serán as equivalentes á parte proporcional correspondente a 48 días da paga extraordinaria, paga adicional do complemento específico ou pagas adicionais do mes de decembro de 2012. Naqueles casos nos que non procedese o recoñecemento da totalidade da paga extraordinaria e adicional, os referidos 48 días reduciranse proporcionalmente ao cómputo de días que correspondesen.

As cantidades que se van aboar minoraranse nas contías que se satisfixesen por eses mesmos conceptos e períodos de tempo como consecuencia de sentenza xudicial ou doutras actuacións.

Dous. As universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia e as súas entidades instrumentais dependentes realizarán as operacións precisas para aplicar a recuperación da supresión da paga extraordinaria de decembro de 2012, co contido e alcance sinalado no punto anterior. Para os citados efectos, as transferencias do fondo incondicionado do Sistema universitario de Galicia incrementaranse nun 26,23 por cento dos importes reducidos a cada entidade por aplicación da disposición adicional quinta da Lei 9/2012, do 3 de agosto, de adaptación das disposicións básicas do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade en materia de emprego público.

Tres. Co fin de estender a medida ao persoal docente do ensino concertado en réxime de pagamento delegado, as compoñentes dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento dos centros educativos concertados correspondentes a «Salarios de persoal docente, incluídas as cargas sociais» e «Gastos variables» incrementaranse en proporción á contía prevista nesta disposición para o persoal docente ao servizo do sector público.

Para tal fin, os mencionados conceptos incrementaranse nun 1,18 por cento dos módulos fixados para o ano 2012 na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Tamén o módulo de persoal complementario de educación especial se incrementará na mesma porcentaxe e no mesmo concepto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Autorízase a consellaría competente en materia de facenda para que efectúe as transferencias de crédito oportunas nas partidas orzamentarias nas que se incrementa o gasto correspondente derivado da aplicación desta disposición, así como para ditar as instrucións necesarias para a súa efectividade.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de dous mil quince