Na recente Conferencia Sectorial, celebrada a finais de febreiro, o Ministerio de Xustiza deulle traslado ás CC.AA coas competencias transferidas en materia de Xustiza do texto da proposta de modificación de Lei 20/2011 do Rexistro Civil. Neste texto a diferenza co orixinal, as CC.AA pasan a ter un papel importante na decisión sobre o número de Rexistros a manter abertos.
Esta modificación implica de maneira directa a Xunta de Galicia e polo tanto aos cidadáns en xeral e aos traballadores da Administración de Xustiza, xa que segundo se recolle na modificación presentada polo Ministerio de Xustiza será a CC.AA a que de maneira independente decida se mantén o número de rexistros actuais, os aumenta ou os reduce.
Tamén se recolle no texto presentado que os Xulgados de Paz, unha vez entre a nova aplicación informática do rexistro, suprimirán todas as competencias en materia de Rexistro Civil, abrindo a posibilidade de reducir o número de rexistros civís en Galicia e con elo o alonxamento da Xustiza dos cidadáns e un encarecemento da mesma. Para AXG-CUT non é asumible que un cidadán teña que desprazarse para realizar: fe de vida, expedentes de matrimonios civís, xuras de nacionalidade, cambios de nomes, recoñecementos de filiación, etc; para os que se require a súa presenza.
Non é necesario recordarlle que en Galicia os Xulgados de Paz fan unha labor encomiable cara os cidadáns, sobre todo no que se refire ao Rexistro Civil, máxime se temos en conta o lamentable funcionamento dos medios de transporte que unen as pequenas vilas coas grandes cidades, ou o retraso na implantación de internet nesta comunidade, e as limitacións dunha poboación absolutamente envellecida.
Ante o traslado do Ministro a Xunta de Galicia do novo proxecto sobre Rexistro Civil e a papel protagonista que nel se da as CCAA con competencias transferidas, dende Alternativas na Xustiza de Galicia solicitamos a convocatoria dunha Mesa Sectorial para tratar a posición da Xunta de Galicia ao proxecto do Ministerio e as súas intencións con respecto aos cadros de persoal actuais.
Adiantamos que dende AXG-CUT loitaremos para que en cada partido Xudicial exista un Rexistro Civil e que os xulgados de paz teñan funcións delegadas como actualmente.
En Galicia a 3 de marzo de 2017