A folga da xustiza en cifras económicas: Os números da Xunta e os dos funcionarios

13 de febreiro de 2018

"Publicado en Galicia Confidencial"

Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo no Consello da Xunta
Os responsables da folga na xustiza


Feijóo acusou aos traballadores públicos de querer cobrar máis que a media dos traballadores do resto de autonomías e estes responden que o presidente galego “minte coma sempre” e que cobran menos que a media.

"Para que lles cadren as contas son capaces –Feijóo e Rueda-- até de converter en comunidades a Ceuta e Melilla", esgrimiron este xoves os portavoces sindicais dos funcionarios de Xustiza para criticar os argumentos dados pola Xunta. Previamente, o xoves pasado no Consello da Xunta, Feijóo acusara aos funcionarios de querer cobrar máis que a media dos traballadores do Estado.
Visiblemente molestos coas declaracións do presidente, os voceiros dos funcionarios criticaron a "deshonestidade política" de Feijóo, ademais de cualificalo de "indecente e farsante". Ao tempo, pediron que cese o que consideran "bastas manipulacións dos datos" no que respecta, por exemplo, á amortización de prazas e á situación retributiva deste colectivo. 

Os traballadotres aseguran que o que cobran está por baixo da media, de feito, no posto dez das autonomías e insisten en que a Xunta ofrece "cero" euros de subida para 2018 –algo que o propio Feijóo admitiu--, o que mantería a Galicia "á cola" neste exercicio. Aínda coa proposta económica da Xunta, que se aplicaría en tres anualidades e a partir de 2019, tamén desmentiron que se vaian a incrementar "entre 600 e 900 euros" ao ano, nin sequera en 2021.