- Está a faltarlle ao respecto á memoria da clase traballadora.
- Está a ser cómplice da súa escravitude, porque non hai mellor persoa escrava que aquela que acepta o relato da clase dominante.
- Está a esquecer que é un traballador ou traballadora cunha serie de dereitos que outros e outras pelexaron.
- Está a caer no auto-engano de pensar que non ten que lembrar nada porque ao poder ir de ponte o movemento obreiro non ten nada que ver con el ou ela.
Hai trinta anos era impensábel que un traballador ou traballadora non soubera o significado deste día, e era imposíbel porque tiña memoria e conciencia de clase. A clase traballadora non pretendía ser o que non é, sabía quen era o seu inimigo e sabía que para ter dereitos tiña que pelexalos.
É hoxe cando o capital e a patronal están a aplicar as lexislacións máis regresivas dos últimos 50 anos, cando máis están a apertar os parafusos, cando máis dereitos nos están a quitar sen que haxa contestación algunha nas rúas. Iso si, somos felices na explotación porque podemos endebedarnos para consumir e para ir “de ponte” no 1º de maio, da ponte que nos tirarán se continuamos así.
Nós, este 1º de maio volvemos ás rúas no DÍA INTERNACIONAL DA CLASE TRABALLADORA, e na nosa memoria está a orixe deste 1º de maio.
Foi en Chicago, foi en 1886, máis de 200.000 traballadores e traballadoras, moitos deles emigrantes italianos e alemáns (eses, que ao igual que os españois que algo saben de emigrar, agora lle negan o pan aos refuxiados), puxéronse en folga reclamando unha xornada laboral de 8 horas, a que hoxe temos e que aos poucos vai medrando mentres imos de ponte. A folga rematou con violencia, con tres condenados a cadea e cinco condenados a morte. Ademais da represión conseguiuse outra cousa, sabedes cal? A xornada laboral de oito horas!
POLOS MÁRTIRES DE CHICAGO, POR TODAS NÓS, O 1º DE MAIO SAÍMOS A RÚA!
