Información sobre a exención en IRPF das prestacións por maternidade/paternidade percibidas da Seguridade Social.

4 de decembro de 2018

 
A sentenza do Tribunal Supremo do 3 de outubro de 2018 (sentenza 1462/2018) fixa como doutrina legal que “As prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”.
A Dirección Xeral de Tributos interpreta que esta doutrina é igualmente aplicable ás prestacións por paternidade percibidas da Seguridade Social. Na aplicación desta doutrina poden distinguirse os seguintes supostos:
 
A) Solicitudes previamente presentadas que se atopen pendentes de resolución dun recurso ou reclamación. A aplicación da exención corresponderá ao órgano que estea a coñecer do recurso ou reclamación, sen que sexa precisa a presentación de ningunha solicitude adicional.
 
B) Prestacións percibidas nos anos 2014, 2015, 2016 e 2017: Os contribuíntes poderán solicitar a rectificación das declaracións de IRPF nas que incluísen tales rendas. Se as rendas foron percibidas en máis dun ano, deberán solicitar a rectificación da declaración de IRPF de cada ano.
 
Habilitouse un formulario específico para facilitar a solicitude dos anos 2014 e 2015, dispoñible na páxina web da Axencia Tributaria (www.agenciatributaria.es), no que a persoa perceptora da prestación deberá indicar en cales deses anos percibiu a prestación e un número de conta bancaria da súa titularidade, onde se abonará a devolución que proceda.
 
En xaneiro de 2019 estará dispoñible o formulario que permitirá solicitar a rectificación das declaracións dos anos 2016 e 2017.
 
Non é necesario achegar á solicitude un certificado da Seguridade Social acreditativo das prestacións por maternidade/paternidade percibidas, debido a que en cada caso a AEAT solicitará directamente da Seguridade Social toda a información precisa para a resolución do procedemento.
 
O formulario pode presentarse a través da sede electrónica da Axencia Tributaria utilizando o sistema RENØ (número de referencia para servizos de renda), CL@VEPIN ou Certificado electrónico.
 
O número de referencia ( RENØ) pode solicitarse no portal da AEAT na internet indicando os seguintes datos: 
  • Número de DNI e a súa data de validez. 
  • Casa 450 da declaración da renda de 2016 ou o últimos cinco díxitos dalgunha conta bancaria na que o interesado figure como titular, se non presentou declaración da renda de 2016. 
 
Alternativamente, poderá utilizarse o formulario en papel para a súa presentación en calquera das oficinas de rexistro da AEAT, aínda que non é válido o uso deste formulario para facer constar datos non contemplados no mesmo, xa que non resulta posible o tratamento informatizado deses datos adicionais. Nese suposto deberá substituírse o uso deste formulario por un escrito no que se describan detalladamente as circunstancias concorrentes, acompañado, no seu caso, da correspondente documentación.
 
 C) Prestacións percibidas ou que se perciban durante o ano 2018: Na próxima campaña de renda os contribuíntes só terán que confeccionar e presentar as súas declaracións utilizando os datos fiscais que se lles ofrezan. O programa de axuda Renda WEB ofrecerá os datos fiscais incorporando tales prestacións como rendas exentas e as retencións soportadas como plenamente deducibles. Tras o coñecemento da sentenza do Tribunal Supremo, o Instituto Nacional da Seguridade Social ha deixado de practicar retencións sobre as prestacións abonadas, por tratarse de rendas exentas.
Ligazón á páxina da AEAT (nota informativa / instrucións e sentenza do supremo)