Publicado no DOG
Vense de publicar no DOG; RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2021 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.
Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Administración institucional, que se encontre en situación de servizo activo (incluído permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/ha fillo/a ou dun/ha familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.
Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; o persoal das escalas dos corpos da Policía de Galicia e bombeiros; e o persoal do Servizo Galego de Saúde. Non se entende por tal o persoal empregado público da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.2.
Sen prexuízo do anterior, poderán ofertarse actividades formativas ao persoal empregado público pertencente a outras entidades, organismos e institucións públicas, cando así se estableza na epígrafe «persoal destinatario» da actividade formativa.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática, dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.