Rueda, o Bárbaro

10 de mayo de 2018

"publicado en luzes"

Por Antón Losada


Hai que felicitar de corazón a Alfonso Rueda, o vicepresidente do goberno galego. Non se poden destruír máis cousas en menos tempo e de xeito máis eficiente para conseguir absolutamente nada. Había rumores, pero xa é oficial. Por onde pasa o vicepresidente non volve medrar nin a herba, nin nada. Dende Conan o Bárbaro, non se tiña visto un poder de destrución comparable a este lado de mundo.



Na súa bárbara xestión do conflito da Xustiza todo son desgracias. Os máximos responsables políticos da xustiza e da negociación colectiva na función publica quedan desautorizados e queimados como negociadores. Os traballadores da Xustiza, que eran un corpo unido con interlocutores claros con quen negociar, agora comparecen divididos e enfrontados e sen interlocutores claros con quen pactar como recuperar o máis eficazmente posible o tempo e os danos causados. Os xulgados seguen asfixiados polo retraso e o bloqueo pero agora, ademais, quedamos sen axentes representativos con quen acordar unha estratexia de axilización e desbloqueo.

Rueda, o Bárbaro, pode exhibir as cabezas de dous presidentes do comité de folga e o impresionante éxito de empezar ofrecendo noventa euros e acabar firmando por case un 70% máis.