Sinatura electrónica das incidencias de control horario

24 de abril de 2014

Publicado na intranet xudicial. 


Intranet Xustiza
De acordo coas instrucións aprobadas por Resolución do 12 de febreiro, xa está habilitada a sinatura electrónica do parte individual de incidencias dispoñible na OPAX. As incidencias deberán rexistrarse ao día seguinte ou o primeiro día hábil de traballo tras a reincorporación ao posto. Dende o momento da sinatura, a incidencia pasará a estar dispoñible para o servizo de persoal correspondente, que procederá á súa validación e carga no sistema de control horario. Desta forma, para a tramitación de calquera incidencia de control horario, xa non é precisa a sinatura por parte do superior funcional da unidade, ao que se lle habilitará unha opción de consulta na súa bandexa de entrada, para poder facer un seguimento das incidencias tramitadas polo seu persoal.

As únicas situacións vinculadas co horario, cuxa tramitación tamén é telemática en todos os seus pasos, pero que si precisa da validación e sinatura electrónica por parte do superior funcional, son:

  • Acumulación de horas por actuacións urxentes e inaprazables: no corpo da solicitude é preciso describir a xustificación das actuacións realizadas, incluíndo as horas da súa prestación, para poder aplicar as compensacións correspondentes. Ao seren validadas e asinadas polo superior funcional, enténdese como certificada a obrigatoriedade dos traballos, polo que non é preciso achegar ningún papel sobre as circunstancias, salvo requirimento do servizo de persoal correspondente.

  • Solicitude de días de libranza por acumulación de horas: a súa tramitación é totalmente equiparable neste momento á dos días de permiso por asuntos particulares, sendo obrigatoria a tramitación electrónica.

  • Nestes dous supostos, nos que é preciso o visado electrónico do superior xerárquico no caso de producirse calquera problema técnico neste paso, o funcionario deberá remitir a súa solicitude vía fax ao servizo de persoal no prazo máximo de cinco días hábiles dende o rexistro e sinatura electrónica por parte do interesado.