Alternativas remítelle unha carta ao Director Xeral de Xustiza para que se dote de funcionariado de xustiza ao novo xulgado de paz de Oza-Cesuras, que comezará a funcionar como tal o día 01/09/2014.
DIRECTOR XERAL XUSTIZA GALICIA
Praza de Europa nº 5-A 4º Andar-
Santiago Compostela
No Boletín Oficial do Estado número 135, de 4 de xuño de 2014, publicouse a Orde JUS/918/2014, de 26 de maio, pola que se dispón a entrada en funcionamento do xulgado de paz de Oza-Cesuras (A Coruña):
O novo xulgado de Oza-Cesuras entrará en funcionamento o 1 de setembro de 2014, momento en que se fará efectivo o cese de actividade nos xulgados de Oza dos Rios e de Cesuras. Este xulgado asumirá o Rexistro Civil, todos os expedientes, documentación, arquivo e os medios materias de ambos xulgados.
Dende Alternativas entendemos que a creación do novo xulgado, a nova carga de traballo e o número de habitantes aos que vai dar servizo, fai obrigatorio a creación de prazas de persoal da administración de Xustiza para atender o traballo.
En Galicia existen na actualidade moitos Xulgados de Paz, cun número de habitantes moi similar, que están atendidos por funcionarios da Administración de Xustiza: O Pino, Bergondo, Begonte, Oroso, Valga, Salceda, etc.
Non crear un Xulgado de Paz con funcionarios de Xustiza o 1 de setembro sería un novo despropósito con esta poboación. Non é necesario recordarlle a utilización política que se fixo desta fusión, en contra da cidadanía, sen consenso entre os partidos, sen estudio de viabilidade pertinente, e que pasado un ano non ten demostradas as bondades prometidas por algúns políticos.
Nun concello fusionado “a machete” onde as duplicidades saltan á vista, 2 casas consistoriais, 2 centros de saúde, 2 colexios, 2 secretarios municipais, 2 edís por concellería e dous escudos. A creación dun único Xulgado de Paz, con funcionarios de Xustiza, podería ser a primeira decisión con visión de servizo Público e de interese para os cidadáns.
Por todo o antes exposto e en aras de mostrar un verdadeiro interese na Xustiza solicitamos que o día 1 de setembro o novo Xulgado de Paz de Oza-Cesuras comece a súa andaina con funcionarios da Administración de Xustiza. Calquera outra decisión demostraría claramente que detrás da fusión so había un interese político e propagandístico.
Asdo. Pablo Valeiras Riós
Voceiro de Alternativas na Xustiza
Etiquetas: Cadros de persoal , Xulgados