Gallardón entrega o Rexistro Civil, e os datos máis íntimos de toda a cidadanía, aos Rexistradores Mercantís

7 de xullo de 2014

Alternativas na xustiza galega

Fíxoo ás agachadas e volverá facelo con outras Leis


Negociou con notarios, rexistradores da propiedade e rexistradores mercantís ás costas dos funcionarios de Xustiza.

Escolleu a vía dun Real Decreto-Lei, o de “aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia”, para agochar nas Disposicións adicionais 19ª e seguintes a cacicada.

Un Decreto-Lei que, como sinalou Eva Belmonte, “permite al Gobierno aprobar normas con rango de ley sin tener que pasar por las Cortes, lo que suprime –como critican algunos juristas- el proceso democrático de enmiendas, el debate parlamentario, las votaciones y la publicidad de los textos legales. Así, la ciudadanía no sabe qué decisiones se han tomado hasta que, ya en vigor, el texto se publica en el BOE

Escolleu para a súa publicación o día que moitos funcionarios de Xustiza e milleiros de cidadáns comezaban as súas vacacións de verán e ocultou toda referencia na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a pesar da importancia do cambio.

Un servizo gratuíto?


Pon por escrito que o Rexistro Civil seguirá sendo gratuíto, pero ninguén e quen de explicar como os Rexistradores Mercantís poderán facer fronte ao mantemento dunhas oficinas do Rexistro Civil que necesitarán dun importante investimento para por en funcionamento a aplicación informática e que terán que aumentar de xeito considerable a seu cadro persoal para poder xestionar millóns de inscricións e, ademais, atender as peticións de certificacións referidas a inscricións que non están informatizadas e que, polo tanto, terán que ser localizadas nos Libros.

Quen se fará cargo de interconectar telemáticamente as oficinas do Rexistro Civil e os hospitais e concellos?

A incredulidade fronte á propaganda de Gallardón lévanos a preguntarnos, que lle ofreceu Gallardón aos rexistradores mercantís a cambio de asumir o Rexistro Civil?

Está garantida a confidencialidade dos datos rexistrais?


Coa decisión de Gallardón e do Goberno do PP, ábrese, xa que logo, a porta para que os datos máis íntimos de toda a cidadanía, mesmo aqueles que están protexidos por estritas normas de publicidade restrinxida, queden nas mans de traballadores contratados polo propio rexistrador mercantil e que non teñen que estar suxeitos, como si o están os funcionarios de Xustiza, a ningunha regulamentación específica.

E o emprego público?


E coa decisión de Gallardón, en fin, perderanse máis de 250 postos de traballo en Galicia e máis de 3000 en todo o Estado. Traballadores que, como consecuencia da reforma da recente reforma da LOPX, poderán ser recolocados de xeito forzoso noutros postos, mesmo con cambio de municipio.

Alguén dubida de que Gallardón está disposto a seguir adiante coa súa folla de ruta?

Alguén dubida de que tamén está disposto a aprobar, en solitario e sen consenso nen negociación, a nova Lei do Poder Xudicial?

Que supoñen as reformas de Gallardón?


A privatización do Rexistro Civil é tan só un paso máis no proceso de control político da administración de Xustiza para sometela aos seus intereses políticos e ideolóxicos e para beneficiar aos seus amigos.

Non é o único. A aplicación de taxas xudiciais, que na práctica impiden o exercicio dos seus dereitos á cidadanía, a modificación no sentido máis restritivo posible da Lei do aborto, cun contido fortemente moralizante e ideolóxico, que supón un desprezo ao dereito a decidir das mulleres, a reforma, xa aplicada, do Consello Xeral do Poder Xudicial para convertelo nunha mera Dirección Xeneral do Ministerio de Xustiza e nun medio de control dos xuíces a través dos expedientes disciplinarios e da política de promocións e ascensos, e a nova Lei orgánica do Poder Xudicial, que afastará a xustiza dos cidadáns e suporá o máis grave atentado os dereitos dos funcionarios de xustiza xamais cometido, pero que, ademais, esconde no seu articulado todo o programa político do PP de recorte dos dereitos e das liberdades e de control das institucións e, moi especialmente da Xustiza, para poñelas ao seu servizo, son chanzos nun programa político que pretende ocultar a súa corrupción e o roubo dos nosos dereitos e dos nosos salarios

Falan da necesidade de aforamentos e de salvar os bancos, pero en realidade están lexislando para garantirse a impunidade dos seus actos e a repartición do botín cos seus amigos.

Ímosllo permitir? 


A resposta a estas agresións ten que ser xa, e dunha vez por todas, o suficientemente contundente para que o medo cambie de bando. É a hora de mostrar abertamente o noso rexeitamento ás súas políticas e comportamentos coa nosa presenza activa na rúa, nas mobilizacións e nas folgas.

Alternativas-Xustiza