Expurgo: Inicio das actividades dos arquivos territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia. Normas e modelos

20 de agosto de 2014

Diario Oficial de Galicia
No Diario Oficial de Galicia número 157, de 20 de agosto do 2014, publícase a Orde do 29 de xullo de 2014 pola que se modifica a Orde do 4 de setembro de 2012 pola que se aproban as normas e os modelos de transferencia de documentación xudicial e se determina o inicio das actividades dos arquivos territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia.


Ligazón


Texto

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de setembro de 2012 pola que se aproban as normas e os modelos de transferencia de documentación xudicial e se determina o inicio das actividades dos arquivos territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia

Un. Modifícase o número 1 do artigo 2, que queda redactado como segue:

«1. Os calendarios para efectuar as remisións e comunicacións previstas no artigo 15 do Real decreto 937/2003 serán elaborados conxuntamente polos/as responsables dos distintos arquivos xudiciais e a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial, a quen corresponde a súa aprobación. Os ditos calendarios deberán ser aprobados antes do día un de novembro do ano anterior ao da súa vixencia».

Dous. Modifícase o artigo 4, que queda redactado como segue:

«Para a remisión de documentos xudiciais e relacións documentais utilizaranse os seguintes modelos, que figuran nos enderezos electrónicos http://www.exustiza.es/cidadans e http://intranetxustiza.xunta.es/

a) Modelo I. Empregarase para a remisión de documentación xudicial desde o arquivo xudicial de xestión aos arquivos xudiciais territoriais, segundo o establecido nos artigos 5 e 13 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo.

b) Modelo II. Empregarase para as relacións documentais que se remitan desde os arquivos xudiciais de xestión ou territoriais á Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, segundo o establecido no artigo 15, puntos 1 e 2, respectivamente, do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo.

c) Modelo III. Empregarase para as relacións documentais que se remitan desde o arquivo xudicial territorial ao arquivo xudicial de xestión, co obxecto de que este último confirme no prazo dun mes o transcurso dos prazos legais de prescrición ou caducidade, segundo a lexislación aplicable e de acordo co disposto no artigo 15.2 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo.

Estes formularios poderán ser modificados pola Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, oídos os/as responsables dos diferentes arquivos. En calquera caso, conservarán as referencias mínimas que establece o artigo 13 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, e esenciais para garantir a inutilidade procesual da documentación».

Tres. Modifícase o artigo 7, que queda redactado como segue:

«Son funcións da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia:

1. Recibir do/da responsable do arquivo xudicial de xestión onde radiquen os documentos xudiciais a relación de todos aqueles procedementos nos cales xa rematase a execución ou nos cales xa se pronunciase unha resolución que declare a prescrición ou a caducidade, de acordo co establecido no artigo 15.1 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo.

2. Recibir do/da responsable dos arquivos xudiciais territoriais as relacións de expedientes xudiciais nos cales o arquivo xudicial de procedencia xa confirmara a prescrición ou caducidade, de conformidade co establecido no artigo 15.2 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo.

3. Aprobar, con anterioridade ao día 1 de novembro de cada ano natural anterior ao da súa vixencia, os calendarios previstos no artigo 2 desta orde.

4. Comunicar aos/ás responsables dos distintos arquivos xudiciais, mediante certificado acreditativo, a decisión acordada respecto dos expedientes xudiciais contidos nas relacións que estes lle elevasen.

5. Acordar publicar no Diario Oficial de Galicia e mais nun xornal dos de maior difusión as relacións de expedientes xudiciais, co obxecto de que as persoas interesadas poidan recuperar documentos que achegasen aos procesos ou soliciten testemuño das actuacións xudiciais, e resolver as ditas solicitudes.

6. Elaborar a proposta técnica de valoración e selección de series documentais prevista no artigo 11.4 do Decreto 46/2009, do 26 de febreiro, de conformidade coa normativa e os criterios técnicos aprobados polo órgano competente en materia de conservación do patrimonio documental.

7. Solicitarlle ao órgano competente en materia de conservación do patrimonio documental a emisión do informe vinculante previsto no artigo 11 do Decreto 46/2009, do 26 de febreiro.

8. Comunicarlle á persoa titular da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia as actuacións e acordos da Xunta de Expurgación, solicitándolle, se for o caso, a colaboración precisa para a súa instrumentación.

9. Comunicarlle á consellería competente en materia de xustiza os acordos adoptados respecto aos documentos e expedientes xudiciais, segundo o previsto no artigo 18 do Real decreto 937/2003.

10. Elaborar instrucións ou recomendacións para o impulso e mellora do desenvolvemento, harmonización, eficiencia e axilidade do proceso de expurgación.

11. Colaborar coas consellerías competentes en materia de xustiza e de protección do patrimonio documental na planificación do proceso de expurgación.

12. A constitución de grupos de traballo, permanentes ou temporais, para o asesoramento en tarefas concretas, para solucionar cantas dúbidas se susciten no proceso ou con calquera outra finalidade que se considere oportuna.

13. Reclamar información ou documentación, se for o caso, dos diferentes suxeitos involucrados en relación co desenvolvemento do proceso de expurgación.

14. Calquera outra función prevista para a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia no Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, ou que se lle atribúa legal ou regulamentariamente».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2014




Normas relacionadas


04-09-2012: Arquivos xudiciais. Normas e modelos de transferencia de documentación xudicial

26-02-2009: Arquivos xudiciais territoriais e a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia