Non nos enganemos
As declaracións do conselleiro de sanidade de Madrid, Javier Rodríguez, nas que explicitamente culpa á auxiliar de enfermaría de neglixencia por terse infectado co virus do Ébola, repetidas unha e mil veces en todo canto medio de comunicación lle puxo diante un micrófono, non son un exceso verbal ou un feito illado. Son unha máis da escalada de declaracións de políticos, empresarios e comunicadores que, convencidos da súa impunidade, expresan con toda claridade cal é o seu pensamento: Que eles non lle deben explicación a ninguén dos seus actos e que os únicos responsables do que aconteceu ou poda acontecer son os traballadores, incapaces de aplicar os protocolos e de realizar o seu traballo con solvencia. Sempre haberá a quen botarlle a culpa.
Pois non
Os datos que a medida que pasan as horas imos coñecendo poñen en evidencia a falta de planificación e de preparación, a insuficiencia de medios e a improvisación na toma de decisións. Non son os traballadores, que coa súa dedicación puxeron en risco as súas vidas, senón os responsables políticos, agochados detrás de medios de comunicación que actúan como a «voz do seu amo», os que coas súas medidas, coas súas incapacidades manifestas poñen en perigo a vida dos traballadores e do resto da cidadanía. Pero pouco parece importarlles se atendemos á consideración que lle merecen os traballadores a algunhas das súas correlixionarias como Mónica de Oriol cando despreza a aqueles cidadáns que non tiveron na vida as mesmas oportunidades das que ela gozou e que agora sofren o drama do paro.
Que se vaian
Queda por demostrar como se produciu o contaxio, a pesar de que algúns políticos e medios de comunicación, para salvar as súas prebendas e os seus medios de vida, teñan xa condenado o Teresa, pero, por máis que o agochen, as declaracións dos expertos e do persoal sanitario, xa poñen en cuestión moitas das medidas que se tomaron e, sobre todo, destacan como os recortes aplicados na sanidade, como noutros servizos públicos, levaron ao desmantelamento de hospitais que eran referencia no tratamento de enfermidades infecciosas e como se reduciu persoal e medios nestas unidades médicas. As imaxes da utilización de sabas e cintas para pechar algunhas dependencias son o resultado desas políticas que, non o esquezamos, provocan mortes.
A consecuencia disto non pode ser outra que a asunción de responsabilidades por parte dos responsables políticos e a súa inmediata dimisión.
Para eles, para os representantes políticos, o noso desprezo polas súa actuación e pola súas declaracións.
E para Teresa o noso apoio, a nosa solidariedade e os desexos de que supere a enfermidade.
Ás 17:00 horas do 9 de outubro de 2014
Etiquetas: Manipulación informativa , Opinión