A EGAP convoca a xornada: "As posibilidades de mediación nas relacións entre os cidadáns e as administracións públicas"

25 de novembro de 2014

Escola Galega de Administración Pública
No Diario Oficial de Galicia número 226, do 25 de novembro de 2014, publícase a Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 18 de novembro de 2014 pola que se convoca a xornada "As posibilidades de mediación nas relacións entre os cidadáns e as administracións públicas".


Ligazón


Texto

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase a xornada «As posibilidades de mediación nas relacións entre os cidadáns e as administracións públicas», conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O principal obxectivo desta xornada é espertar nos asistentes o interese por unha forma diferente de resolución dos conflitos entre os cidadáns e as administracións, alternativa á promoción de recursos administrativos e/ou xurisdicionais.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Marco legal actual e perspectivas de futuro sobre as regulacións da mediación no ámbito contencioso-administrativo.

– Experiencias de mediación nos xulgados do contencioso-administrativo.

– Posibilidades presentes e futuras da mediación contencioso-administrativa.

– Posibilidades da mediación interadministrativa e resultado da posta en marcha do proxecto piloto de mediación xudicial nos xulgados de Canarias.

– A terminación convencional dos expedientes: unha posibilidade inexplorada da LPAC.

– O tribunal multiportas ou outra forma de organizar a oficina xudicial como mecanismo para dispensar unha tutela xudicial eficaz.

– A mediación, outra forma de administrar xustiza.

– A mediación como oportunidade para obter algunha vantaxe por parte de todos os intervenientes no proceso.

– Simulación dun asunto para a mediación interadministrativa.

– Viabilidade da mediación administrativa.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas, tanto estatal, autonómica como local, así como dos seus entes instrumentais, persoal ao servizo da Administración de xustiza, xuristas, profesionais, docentes, universitarios e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 3 de decembro de 2014.

Horario: mañá e tarde.

Duración: oito horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do día 2 de decembro de 2014.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos:

981 54 62 41 / 981 54 62 39

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programado; para estes efectos, todos os alumnos deberán identificarse nos preceptivos controis de asistencia. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2014