Este é o camiño...

17 de decembro de 2014



O persoal dos xulgados de Familia de Vigo deron unha verdadeira lección practica do que debe ser a defensa do servizo oúblico da Xustiza e da defensa dos dereitos dos traballadores.

A situación de colapso técnico dos xulgados de Familia (178% por riba do modulo) está afectando de maneira directa a moitos cidadáns, incluídos menores, (violencia de xénero, situación de precariedade económica, tutelados desprotexidos, etc.) e colateralmente aos traballadores que están realizando xornadas laborais moi por riba do obrigado, por sentido de responsabilidade.

Lonxe de caer na petición egoísta e puramente crematística (diñeiro, prolongacións de xornada,...) os traballadores unicamente se preocuparon de esixir medidas que permitiran a mellora do servizo: creación dun novo xulgado de Familia e de maneira inmediata a creación dun xulgado de xeforzo, como o que existe para a xurisdición social ou para a tramitación das demandas por "preferentes".

No comezo da loita só estabamos os/as traballadores/as e Alternativas na Xustiza-Cut, reclamando o que era evidente para todo o mundo, incluído o Consello Xeral do Poder Xudicial que o recoñecía nas estatísticas. Incluso algún tachounos de "Quíjotes".

Co paso do tempo a avogacía e a procuraduría participaron de maneira activa na reivindicación e nas medidas de presión a tomar (mobilizacións a partir de mes de xaneiro) reeditando así a unidade de acción alcanzada contra a lei de Taxas e a redución de partidos xudiciais que tan bo resultado deu no seu día.

Onte o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veu recoñecer as xustas esixencias do persoal dos xulgados de Familia de Vigo ao decidir non só, que é o habitual, crear unha praza de maxistrado senón que a maiores solicita ao Ministerio a creación dunha praza de reforzo de secretario xudicial e á Xunta de Galicia a creación de catro prazas de reforzo de funcionarios.

Non sempre se consegue o que se pretende coma neste caso. Pero o que sí debemos ter claro é que sen loitar con dignidade é imposible lograr nada. E que os que non queren loitar é moitas veces porque lle falta a dignidade.


PARA RECUPERAR OS DEREITOS QUE NOS TEÑEN ROUBADO