Guía sobre a normativa e descontos aplicables por incapacidades temporais

19 de decembro de 2014


Dentro da colección de documentos de Alternativas-Xustiza, publicamos hoxe unha nova guía para solventar ás dúbidas que podamos ter sobre o Decreto que regula os descontos por incapacidade
temporal
.

Redactada por Lola Filgueira, dá resposta a numerosas preguntas sobre a aplicación da nosa normativa e compleméntase con distintos exemplos sobre os descontos que corresponderían por distintas situacións de incapacidade.

Podes descargala dende esta ligazón.





"Todos son iguais ante a lei e teñen, sen distinción, dereito a igual protección da lei. Todos teñen dereito a igual protección contra toda discriminación que infrinxa esta Declaración e contra toda provocación a tal discriminación. "

Artigo 7 declaración dereitos humanos


Coa publicación do Decreto que regula os descontos por incapacidade temporal a Xunta de Galicia de Alberto Nuñez Feijoo deu un novo paso máis encamiñado a aumentar as desigualdades sociais e a criminalizar aos empregados públicos, facéndonos responsables dunha crise da que somos, como outros cidadáns, vítimas.

Neste Decreto, Nuñez Feijoo e Alfonso Rueda, Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza decidiron discriminar os funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia (Auxilios, Tramitadores, Xestores e Médicos Forenses) fronte os Maxistrados e Fiscais.

O Decreto é:


Inxusto.- Por ter como finalidade aforrar cartos a conta do DEREITO Á SAUDE DOS TRABALLADORES

Discriminatorio.- Pois crea “CLASES SANITARIAS” dentro dun mesmo centro de destino.

Único.- As diferenzas entre corpos só pasan na Administración Xustiza. No resto das Administracións, todos, con independencia da “categoría profesional”, teñen os mesmos descontos.

Involucionista.- Lévanos moitos anos atrás, ás épocas nas que se lexislaba dun xeito para “os cidadáns” e doutro distinto para “os parias”.

Aleivoso.- Fíxose sen negociación, a pesares de que o propio Director Xeral comprometérase a negociar o Decreto.

Hipócrita.- Tanto Alfonso Rueda, a quen se lle pediu que fora á Mesa Sectorial para negociar, como Nuñez Feijoo negáronse a equiparar a Maxistrados e Fiscais cos funcionarios e Médicos forenses. Cando diariamente se encargan de dicir que en Galicia NON se fan distincións entre cidadáns.


O Decreto xera situacións de desigualdade impropias de países democráticos onde todos deberíamos ter os mesmos dereitos, xa que:


Mentres os Maxistrados e Fiscais NON TEÑEN descontos por: as enfermidades recollidas no R.D 2210/1995 (Gripe,Hepatite A, B, Vírica e Outras, Sarampelo, Tos Ferina, Varicela..), pola interrupción voluntaria do embarazo no primeiro trimestre de xestación por indución farmacolóxica, polos procesos de incapacidade temporal iniciados durante os tratamento mediante técnicas de reprodución asistida, entre outros...

Os Funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia por esas mesmas enfermidades TEMOS un desconto do 50% do soldo os 3 primeiros días (30/50€ aprox) e o 25% do 4o ó 20o(15/25€ aprox).

Mentres os Funcionarios de Xustiza de Navarra e Aragón, CC.AA gobernadas polo P.P, TEÑEN a mesma regulación que Maxistrados e Fiscais.

Os Funcionarios Galegos NON TEMOS a mesma regulación e ESTAMOS DISCRIMINADOS

Dende AXG-CUT a loita sindical e xudicial son as formas de loitar contra os recortes.


"O gozo do grao máximo de saúde que se poida lograr é un dos dereitos fundamentais de todo ser humano... "

Constitución da OMS (1946)





Outras guías de Alternativas-Xustiza:



- Guía básica das vacacións, permisos e licenzas

- Control do horario: Guía para entender o seu funcionamento

- Reclamación de la paga extra de 2012 y extensión de efectos de sentencia firme

- Informe: Os arquivos xudiciais de Galicia