Convocatoria para a provisión temporal do posto de subdirector/a da Subdirección Territorial da Coruña do IMELGA

2 de febreiro de 2015



Resolución do 29 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convoca a provisión temporal do posto de subdirector/a do Imelga. Subdirección Territorial de A Coruña (mediante comisión de servizos) no Instituto de Medicina Legal de Galicia.


Texto da Resolución

De conformidade co establecido no artigo 527.1 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial (LOPX), modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, e no artigo 73 do Real decreto 1451/2005, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e en uso das competencias que lle corresponde a este órgano consonte ao artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios persoais para o servizo da Administración de xustiza, e co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas y Xustiza.

DISPOÑO:

Primeiro.- Obxecto da convocatoria.

Esta convocatoria ten por obxecto a provisión de forma temporal, mediante comisión de servizos, do posto de traballo vacante que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo.- Solicitantes.

1. Poderán solicitar a comisión de servizos, con exención de funcións no seu posto actual os/as funcionarios/as de carreira pertencentes ao Corpo de Médicos Forenses, en activo, integrados no Instituto de Medicina Legal de Galicia, con excepción dos que se atopen nalgunha das situacións previstas no apartado 2, sempre que reúnan as condicións xerais esixidas e os requisitos determinados no anexo I desta convocatoria na data que remate o prazo de presentación das solicitudes e as manteñan ata a resolución definitiva da convocatoria.

2. Non poderán tomar parte nesta convocatoria:

a) Os funcionarios/as declarados suspensos en firme, mentres dure a suspensión.

b) Os que se atopen na situación de excedencia voluntaria por interese particular, durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación.

c) Os sancionados con traslado forzoso, ata que transcorran un ou tres anos para destinos na mesma localidade na que se lles impuxo a sanción, se se trata de falta grave ou moi grave, respectivamente.

Terceiro.- Solicitudes.

As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude axustada ao modelo que se xunta como anexo II a esta resolución á que deberán unir un curriculum vitae e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Cuarto.- Informe.

A solicitude sinalada no punto anterior deberá remitirse, co visto e prace do superior funcional. Avaliadas as solicitudes, solicitarase o correspondente informe ao superior funcional, en relación coas necesidades do servizo, dos funcionarios/as que teñan opción ao traslado en comisión.

Quinto.- Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

Como requisito imprescindible, as solicitudes anticiparanse por fax á Dirección Xeral de Xustiza para axilizar a súa tramitación (FAX núm. 981 54 62 22).

Ademais, as solicitudes xunto coa documentación xustificativa do curriculum vitae, dirixiranse á Dirección Xeral de Xustiza (Praza de Europa, 5A – 4º, 15781 Santiago de Compostela) e poderán presentarse nos rexistros administrativos da Xunta de Galicia ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de CINCO DIAS hábiles dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria na intranet de xustiza.

Sexto.- Duración da comisión de servizo, criterios para a súa concesión e dereitos da persoa comisionada.

A comisión de servizos terá una duración máxima dun ano, prorrogable por outro, no caso de non cubrirse o posto con carácter definitivo.

Consonte o previsto no artigo 73 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, na selección apreciarase a idoneidade dos/as candidatos/as para o desenvolvemento do traballo do posto solicitado.

A provisión temporal da praza ofertada concederase con carácter de comisión de servizos voluntaria. O/a funcionario/a conservará o seu posto de orixe e terá dereito ás retribucións complementarias do posto que desempeñe.

Sétimo.- Resolución da convocatoria

A resolución da convocatoria publicarase na intranet de xustiza.

Oitavo.- Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses; ambos os dous prazos contaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución na intranet de xustiza.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2015

O director xeral de Xustiza

Juan José Martín Álvarez