Lei da Xunta de Galicia de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración

30 de abril de 2015


No Diario Oficial de Galicia número 81, do 30 de abril de 2015, publícase a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.


Ligazón


Texto

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente lei ten por obxecto recoñecer os dereitos que asisten a cidadanía nas súas relacións co sector público autonómico galego e regular os mecanismos que aseguren o cumprimento efectivo destes dereitos coa finalidade de garantir uns servizos públicos de calidade que sirvan con obxectividade aos intereses xerais.

2. O seu ámbito de aplicación será o sector público autonómico, integrado, de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais.

3. Os ámbitos da Administración relativos á educación, á sanidade e á xustiza rexeranse pola súa normativa específica, e neles a presente lei será de aplicación supletoria.