O calendario laboral de Galicia para 2016 incluirá como festivos propios o 17 de maio e o 24 de xuño

2 de xullo de 2015

  • A Consellería de Traballo levou hoxe a Consello da Xunta a proposta do calendario laboral para o próximo exercicio, que será publicado posteriormente nun decreto.

  • O calendario laboral está establecido polo Real decreto 2001/1983 que fixa 14 festivos: dous elixidos por concellos, aos cales se suman 12 marcados polo Estado.

  • Destes 12, un total de 9 son de carácter nacional e obrigatorio e 3 poden ser substituídos polas comunidades autónomas, aínda que tradicionalmente estes 3 nunca son cambiados por Galicia.

  • Dos 9 festivos obrigatorios, se algún coincide en domingo, a Comunidade Autónoma pode substituílo polo luns seguinte, ou ben por outro día de interese.

  • En 2016 dous festivos obrigatorios serán un domingo: o 1 de maio, que se substitúe polo 17 de maio, martes, Día das Letras Galegas; e o 25 de decembro, que se cambia polo 24 de xuño, venres, con motivo da celebración do día de San Xoán.


O calendario laboral galego para 2016 incluirá como festivos propios os días 17 de maio, martes; e 24 de xuño, venres. O próximo exercicio hai dous festivos que coinciden en domingo: o 1 de maio, que se substitúe polo 17 de maio, martes, Día das Letras Galegas; e o 25 de decembro, que se cambia polo 24 de xuño, venres, con motivo da celebración do día de San Xoán.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe que recolle a proposta do calendario laboral de cara ao ano que vén. Posteriormente, terá que ser aprobado por decreto.

O Real decreto 2001/1983 establece o calendario laboral, que fixa as festas de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Esta normativa establece un máximo de 14 festivos anuais.

Destes 14 festivos, 2 son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigatorio e non substituíbles (1 de xaneiro, Venres Santo, 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro), mentres que outros tres festivos poden ser substituídos polas comunidades autónomas. Galicia tradicionalmente non cambia estes tres festivos, xa que son o 6 de xaneiro, o Xoves Santo (todas as comunidades manteñen sempre estes dous festivos), e o 25 de xullo, que na nosa comunidade sempre se fixa xa que é o Día Nacional de Galicia.

Hai que ter en conta que se algún dos 9 festivos nacionais de carácter obrigatorio cae en domingo, a Comunidade pode substituílos ou ben polo luns seguinte ou por outro día que fixe a propia Comunidade Autónoma. Este é o caso en 2016 do 1 de maio e do 25 de decembro.




Publicado en www.xunta.gal