SERVIZO COMÚN DE NOTIFICACIÓNS E EMBARGOS DA CORUÑA
"escrito dirixido á Dirección Xeral de Xustiza"
A Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 01 de xullo, do poder xudicial, establece no seu artigo 500, punto 4º, que a distribución da xornada e a fixación dos horarios se determinarán a través do calendario laboral que, con carácter anual, aprobará o órgano competente do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas con competencias asumidas, nos seus respectivos ámbitos, logo do informe favorable do Consello Xeral de Poder Xudicial e da negociación coas organización sindicais.
Pois ben, o servizo común de notificacións e embargos da Coruña, vese na obriga de realizar determinadas actuacións xudiciais (dilixencias de notificación, citación, requirimento, lanzamento…) fóra da súa xornada laboral (fixo e flexible) e noutras ocasións, teñen que practicalas en horario nocturno ou en días e horas inhábiles, sen que sexa aplicable o disposto no apartado sétimo da Orde JUS/615/2012, do 01 de marzo.
Os traballadores destinados nos SCNE ofrecen á Administración de Xustiza unha dispoñibilidade practicamente 24 horas o día, os 365 días do ano, sen contraprestación económica algunha, a diferenza do que sucede cos Xulgados de Instrución cando realicen o servizo de garda, das quendas de auxilios cando realizan substitucións, ou das quendas voluntarias e incentivadas dos Rexistros Civís.
Para maior abundamento, e basicamente por dúas razóns; creación de órganos xudiciais ao longo destes anos, sen que aumentase o persoal dos SCNE, e a segunda, se cabe de maior importancia, asunción de todas as dilixencias que proveñan de calquera órgano xudicial (a excepción dos Xulgados de Instrución, cuxa asunción está prevista para este ano), as saídas para realizar as dilixencias fóra da súa xornada ordinaria laboral, aumentou exponencialmente.
Polas razóns que acabamos expoñer, solicitamos convocatoria de mesa sectorial para negociar unha resolución onde se estableza:
· Ámbito de aplicación.
· Número de funcionarios integrantes dunha quenda voluntaria e incentivada para poder realizar aquelas actuacións xudiciais fora do horario laboral.
· Establecemento de diferentes tramos horarios, segundo sexa horario diúrno, nocturno, sábados, domingos ou festivos.
· Compensación horaria dependendo de cada tramo.
· Compensación económica en función do tramo horario traballado.
· Procedemento para optar a ser integrante da quenda.
· Xustificación do traballo realizado.
· etc…
A Coruña, 11 de xaneiro de 2017.
XULGADO PAZ DE CAMBRE
"escrito dirixido ao Sr. Alcade do Concello de Cambre"
Pasados dous meses desde que este sindicato presentou escrito solicitando melloras imprescindibles no Xulgado de Paz desa localidade, e recibindo evasivas como única resposta ao escrito e ás conversacións telefónicas mantidas coa súa secretaria persoal, vémonos na obriga de presentar este segundo e último escrito, a fin de aclarar as seguintes cuestións:
Non hai dúbida sobre a quen lle corresponde a obriga de acometer as devanditas obras, por canto o artigo 51.3 da Lei 38/1988 do 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial, establece que as instalacións e medios instrumentais do Xulgado de Paz, estarán ao cargo do Concello respectivo.
Da mesma maneira o artigo 52, establece que nos Orzamentos Xerais do Estado establecerase un crédito para subvencionar aos Concellos pola atención dos conceptos a que se refiren os dous artigos anteriores. A subvención se modulará en función do número de habitantes de dereito do municipio.
Resolta e aclarada a primeira cuestión, non existindo obstáculo algún para realizar ou acometer as obras e/ou traballos no Xulgado de Paz, lembrámoslle que:
1. A Lei 10/2014 do 03 de decembro, garante a igualdade de oportunidades en relación á accesibilidade aos edificios públicos das persoas minusválidas ou con mobilidade reducida. Por tanto o incumprimento do seu articulado considérase unha falta grave, sancionada dende un mínimo de 30.000 euros ata un máximo de 90.000 euros.
2. Pola súa banda, o Real Decreto 486/1997 do 14 de abril, establece as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo. Con carácter previo a desenvolver este punto, consideramos necesario resaltar que o traballo de pintura da sede do Xulgado de Paz e o de liberar espazo no arquivo, produciría un gasto ridículo.
O artigo 3, establece a obrigación do empresario de cumprir as disposicións mínimas establecidas no Real Decreto que mencionamos en canto ás súas condicións construtivas, orde, limpeza e mantemento, sinalización...., así como, os lugares de traballo e, en particular, as súas instalacións, deberán ser obxecto dun mantemento periódico, de forma que as súas condicións de funcionamento satisfagan sempre as especificacións do proxecto, emendándose con rapidez as deficiencias.
Polo exposto anteriormente solicitamos que de maneira inmediata se tomen as medidas necesarias para solucionar os problemas plantexados nos dous escritos presentados. Os traballadores e Alternativas na Xustiza-CUT estaremos a disposición dese Concello para buscar fórmulas que faciliten as obras co fin de evitar medidas de presión que perxudiquen a tódalas partes.
A Coruña, 11 de xaneiro de 2017.
Etiquetas: nota informativa