Solicitamos convocatoria de mesa sectorial, para negociar unha resolución co fin de mellorar as condicións dos traballadores do SCNE de Vigo

10 de febreiro de 2017

"escrito dirixido á Dirección Xeral de Xustiza"

A Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 01 de xullo, do poder xudicial, establece no seu artigo 500, punto 4º, que a distribución da xornada e a fixación dos horarios se determinarán a través do calendario laboral que, con carácter anual, aprobará o órgano competente do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas con competencias asumidas, nos seus respectivos ámbitos, logo do informe favorable do Consello Xeral de Poder Xudicial e da negociación coas organización sindicais.


Pois ben, o servizo común de notificacións e embargos da Vigo, vese na obriga de realizar determinadas actuacións xudiciais (dilixencias de notificación, citación, requirimento, lanzamento…) fóra da súa xornada laboral (fixo e flexible) e noutras ocasións, teñen que practicalas en horario nocturno ou en días e horas inhábiles, sen que sexa aplicable o disposto no apartado sétimo da Orde JUS/615/2012, do 01 de marzo.

Os traballadores destinados nos SCNE ofrecen á Administración de Xustiza unha dispoñibilidade practicamente 24 horas o día, os 365 días do ano, sen contraprestación económica algunha, a diferenza do que sucede cos Xulgados de Instrución cando realicen o servizo de garda, das quendas de auxilios cando realizan substitucións, ou das quendas voluntarias e incentivadas dos Rexistros Civís.

Para maior abundamento, e basicamente por dúas razóns; creación de órganos xudiciais ao longo destes anos, sen que aumentase o persoal dos SCNE, e a segunda, se cabe de maior importancia, asunción de todas as dilixencias que proveñan de calquera órgano xudicial (a excepción dos Xulgados de Instrución, cuxa asunción está prevista para este ano), as saídas para realizar as dilixencias fóra da súa xornada ordinaria laboral, aumentou exponencialmente.

Polas razóns que acabamos expoñer, SOLICITAMOS CONVOCATORIA DE MESA SECTORIAL para negociar unha resolución onde se estableza:

• Ámbito de aplicación.
• Número de funcionarios integrantes dunha quenda voluntaria e incentivada para poder realizar aquelas actuacións xudiciais fora do horario laboral.
• Establecemento de diferentes tramos horarios, segundo sexa horario diúrno, nocturno, sábados, domingos ou festivos.
• Compensación horaria dependendo de cada tramo.
• Compensación económica en función do tramo horario traballado.
• Procedemento para optar a ser integrante da quenda.
• Xustificación do traballo realizado.
• etc…

En Vigo, 06 de febreiro de 2017.

Pablo Valeiras Rios 
Responsable de AXG-CUT