Co bo funcionamento da experiencia dos xulgados de preferentes nas cidades da Coruña e Vigo dende AXG-CUT consideramos máis que necesario a posta en funcionamento nas 7 grandes cidades dun xulgado especifico para tratar as reclamacións sobre as “cláusulas solo”.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europa explica na sentenza sobre retroactividade dos efectos restitutorios da declaración de nulidade das “cláusulas solo”, que incumbe ao Xuíz nacional, pura e simplemente, deixar sen aplicación a cláusula abusiva, de tal maneira que se considere que dita cláusula non existiu nunca e que, deste xeito, non produza efectos vinculantes para o consumidor.
Ante a falta de contestación por parte dos bancos ás reclamacións dos usuarios, e ante a máis que posible falta de acordo en moitos casos entre os bancos e os usuarios, é imprescindible a súa creación para evitar o colapso dos xulgados de Primeira Instancia desas grandes cidades. O propio Consello Xeral do Poder Xudicial manifestou que a solución extraxudicial non evitará un novo torrente de demandas.
Co fin de anticiparnos a unha repartición masiva deste tipo de litixios aos Órganos Xudiciais de Primeira Instancia, e evitar comprometer a capacidade dos mesmos para dar saída ou resposta aos asuntos doutra natureza, vemos necesario crear un Xulgado para cada unha das sete grandes cidades de Galicia, con competencia exclusiva para a tramitación deste tipo de procedementos.
Vemos necesaria a creación e localización dos devanditos Órganos Xudiciais na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, para facilitar a tramitación destes procedementos e favorecer ao cidadán, evitando desta maneira os desprazamentos e lentitude na tramitación dos procedementos. Entendemos que debe ser así, porque do contrario beneficiaría aos bancos e prexudicaría aos consumidores.
Alternativas na Xustiza-CUT, SOLICITA con carácter urxente e oportuna anticipación, a creación de XULGADOS EXCLUSIVOS EN CADA UNHA DAS SETE GRANDES CIDADES DE GALICIA, para que cando se produza a presentación masiva de demandas se poida realizar o rexistro e repartición aos Órganos Xudiciais concretos. De tal maneira, permitirá impartir cursos de formación específica ao persoal destinado nos mesmos, para axilizar o tempo de resposta, elevar a seguridade xurídica e aumentar a confianza do cidadán.
En Galicia, 19 de abril de 2017.