AXG-CUT esixe á Dirección Xeral de Xustiza revogue as amortizacións materializadas nas Audiencias Provinciais

5 de xuño de 2017

"escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza"

No ano 2013, a Dirección Xeral de Xustiza (DXX) impuxo UN PLAN DE amortizacións dun total de 106 prazas nos Órganos Xudiciais de Galicia A TRAVÉS DE XUBILACIÓNS E TRASLADOS, das que 62 pertencían ás Audiencias Provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, xustificándoo en que as modificacións normativas operadas nos últimos anos, reduciron sensiblemente a carga de traballo das Audiencias Provinciais. Para AXG-CUT os datos reflicten todo o contrario.

Cos datos na man queda claro que as amortizacións responden a un único fin, o economicista, e non a ningún estudo contrastado, senón como se pode explicar;

■ Que o mesmo que se presenta o plan de amortizacións por parte da DXX existe un informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, que di que a Sección 1ª e 2ª da Audiencia Provincial da Coruña, a sección 2ª de Lugo e a 5ª de Pontevedra con sede en Vigo, superan o 150% de carga de traballo, respecto da pendencia media do territorio nacional.

■ Como se pode explicar aos cidadáns que sofren os meses de atrasos nos procedementos e recursos que se tramitan neste tipo de Órganos Colexiados, que aínda por riba se reducen o número de traballadores cada vez que alguén marcha no concurso de traslado ou se xubila .

■ Como se poden xustificar amortizacións de cadros de persoal nas seccións penais das audiencias provinciais onde se tramitan entre outras, causas de violencia de xénero, procedementos da lei do xurado, procedementos sumarios, causas con preso, causas por delitos graves castigados con pena superior a 5 anos de prisión que non exceda de 9 anos, etc…

■ Para maior “tomadura de pelo” nin sequera esta a cumprir a DXX co seu compromiso de que con créditos liberados das amortizacións crearía novas prazas de reforzo en servizos comúns de apoio e Decanatos, por poñer un exemplo. A día de hoxe aínda estamos a esperar por elas.


AUDIENCIA PROVINCIAL DA CORUÑA

Os Letrados da Administración de Xustiza da sección 1ª e da Audiencia Provincial da Coruña, remitiron informes á Letrada Coordinadora Provincial, facéndolle saber que a situación é insostible debido ás amortizacións realizadas.

A sección 1ª da Coruña (con competencia en Penal, Violencia de xénero e Vixilancia penitenciaria) conta con 5 Maxistrados. Ao dia da data materializáronse dúas amortizacións de Tramitación PA, aínda que conta cun funcionario de reforzo do devandito corpo, ademais do que nomearon para o caso “prestige”.

A sección 2ª (con competencia en Penal e Menores) ten 4 Maxistrados máis un de reforzo (total 5). Non se materializou ningunha amortización das propostas, aínda que, o día 03 de Xullo e o 10 do mesmo mes xubilásense dous tramitadores, momento no cal se verificarán.

Da carga de traballo pouco máis se pode dicir, tendo en conta que se sitúan por riba do 150% e que na actualidade teñen un 40% máis de carga de traballo con respecto ao ano 2011.

Se estes datos e anteriores non son suficientes, dicir que hai un mes aproximadamente, ambas seccións foron inspeccionadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial e no epígrafe de propostas externas do informe emitido, mencionan que “RESULTA IMPRESCINDIBLE E NECESARIO DADO O ELEVADO INGRESO DE ASUNTOS E NÚMERO DE MAXISTRADOS, QUE O PERSOAL DE CADA UNHA DAS SECCIÓNS ESTEA INTEGRADA POR 4 XESTORES PA, 6 TRAMITADORES PA e 2 AUXILIOS XUDICIAIS”.


AUDIENCIA PROVINCIAL DE LUGO 

Sección 2ª (penal). Idéntica situación á de Coruña en canto a carga de traballo, xa que como dixemos anteriormente figura no informe do Consello Xeral do Poder Xudicial entre os órganos que superan o 150%, concretamente sitúase no 172,92% de carga de traballo. A memoria xudicial (2015) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia corrobora os datos anteriores, ademais de que constata a materialización dunha amortización dun funcionario do Corpo de Tramitación procesual e administrativa. 


AUDIENCIA PROVINCIAL DE OURENSE 

Sección 2ª (penal). Non se materializou ningunha das prazas propostas pola Dirección Xeral de Xustiza, aínda que de facto xa existe unha amortizada, xa que unha funcionaria do corpo de Tramitación PA atópase desde hai algún tempo de baixa laboral, sen que se proceda á cobertura da devandita praza, a pesar de solicitalo a Letrada da Admón. de Xustiza polo conduto regulamentario (OPAX). Así as cousas, a DXX procedeu ao nomeamento dun funcionario de reforzo do corpo de Tramitación PA, que constata ou corrobora que a Dirección Xeral de Xustiza está equivocada ao cento por cento nas amortizacións propostas.


AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA 

Sección 2ª (penal). Amortizouse unha praza de Xestión PA, coas consecuencias inherentes na tramitación dos procedementos e recursos.

Sección 4ª (penal). En breve xubilarase un Xestor PA. Do mesmo xeito que sucede na Audiencia Provincial de Ourense, un Tramitador PA atópase de baixa laboral desde hai aproximadamente un ano e medio, e a Dirección Xeral de Xustiza non procede á cobertura do posto. Materializouse a amortización dun funcionario de Auxilio Xudicial. Todo isto provoca atraso na tramitación dos procedementos e recursos.

Sección 5ª con sede en Vigo (penal). Como dixemos anteriormente superan o 150% de carga de traballo, colocándose no 158,62%. Materializáronse dúas amortizacións, unha do corpo de auxilio e outra de tramitación. Consecuencia; colapso en execucións e recursos.


SECCIÓNS CIVIS AUDIENCIAS PROVINCIAIS

De ningunha das maneiras están xustificadas as amortizacións impostas nas seccións civís e oficinas de rexistro e reparto das Audiencias Provinciais de Galicia. Os datos estatísticos e memoria xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así o reflicten. A modo de exemplo podemos dicir, que existen seccións civís que contan con 5 Maxistrados e noutros casos con 4 máis un de reforzo, o que supón unha carga de traballo equivalente á das seccións penais. Queremos deixar claro que as consecuencias son nefastas coas amortizacións realizadas na seccións civís, polo que interesamos se adopten as medidas que reflectimos máis adiante no epígrafe de conclusións.


CONCLUSIÓN

É un feito palmario que a Dirección Xeral de Xustiza erra unha vez máis, neste caso coas amortizacións propostas no ano 2013, particularmente coa seccións penais das Audiencias Provinciais de Galicia, tendo en conta que por unha banda dedícanse a impoñer políticas de amortizacións, sen tan sequera negocialas coas OOSS nin comprobar datos estatísticos dos órganos xudiciais para saber a carga real de traballo que teñen que soportar, e por outra, dedícase a nomear reforzos, iso si, “sen dar un paso atrás”.

POR ISO ESIXIMOS SE REVOGUEN AS AMORTIZACIÓNS QUE SE MATERIALIZARON E PARALICEN O RESTO DAS PROPOSTAS POLA DIRECCIÓN XERAL DE XUSTIZA, DEBENDO ADECUAR O CADROS DE PERSONAL ÁS NECESIDADES REAIS.

Interesamos con respecto ás seccións e da audiencia provincial da coruña, NOMÉENSE OS REFORZOS interesados polo consello xeral do poder xudicial (informe de inspección). Por suposto e a colación do anterior, no momento de que as necesidades deixen de ser conxunturais, deberanse de crear as prazas correspondentes.

Para tratar o exposto no presente documento, SOLICITAMOS se inclúa na orde do día da correspondente mesa sectorial.

Galicia, 01 de xuño de 2017.

Responsable de acción sindical de Alternativas na Xustiza-CUT 
Javier Fernández Castro