AXG-CUT denuncia reunións "clandestinas" e esixe á DXX dé a cara e negocie o manual de procedemento das fiscalías

2 de agosto de 2017

"escrito remitido á Subdirectora Xeral de Xustiza"

Con data 05 de maio do ano en curso, remitimos a vostede carta denunciado a confección dun manual de procedemento para os corpos de Xestión e Tramitación Procesual e Administrativa así como os de Auxilio Xudicial, destinados nas Fiscalías de Galicia, ás costas dos Sindicatos e os traballadores. 
  •  Adiantamos no seu día que, de confirmarse, este tipo de formas de actuar, dignas de réximes pasados, pero moi habituais na Xunta de Galicia, dende AXG-CUT denunciaremos nos tribunais a falta de negociación coas centrais sindicais. 
  • Tamén avanzamos que tampouco imos permitir que na Mesa de Negociación se presente un manual de procedemento negociado entre bastidores por Responsables da Fiscalía, e a propia Dirección Xeral de Xustiza, e converter a Mesa de Negociación nunha pantomima
  • Esiximos que se a Dirección Xeral ou a Fiscalía ou ambos pretenden cambiar as condicións laborais dos traballadores, den a cara e negocien. Do contrario AXG-CUT tomará xunto cos traballadores, as medidas de presión que sexan necesarias para impedir o cambio das condicións laborais nas Fiscalías as costas. 

Transcorridos mais de tres meses, a Dirección Xeral de Xustiza non facilitou información algunha sobre este tema, e o que é mais grave e ao mesmo tempo intolerable, é que o pasado mes de xuño volvéronse a reunir Responsables de Fiscalía, funcionarios de postos singularizados destinados nas distintas Fiscalías de Galicia e a Subdirectora Xeral de Xustiza, para seguir perfilando o documento en cuestión.

É inadmisible que nesas mesas de traballo estén presentes funcionarios destinados en postos singularizados das distintas Fiscalías de Galicia, (que non teñen representación para negociar) e non os representantes legais dos traballadores.

Por tanto, ESIXIMOS á Dirección Xeral de Xustiza cumpra coa legalidade (negociación colectiva), e en lugar de facer reunións clandestinas, convoque aos sindicatos á mesa sectorial, pois o manual de procedemento afecta directamente as funcións e condicións laborais dos traballadores.

Galicia, 31 de xullo de 2017.

Responsable de acción sindical de Alternativas na Xustiza-CUT 
Javier Fernández Castro.


Alternativas na Xustiza-Cut