AXG-CUT esixe á Dirección Xeral que imparta cursos de formación aos funcionarios

16 de outubro de 2017

"escrito presentado á Dirección Xeral de Xustiza"

Recentemente nos Xulgados de Galicia instalouse un programa chamado “REAX poderes” (Rexistro Electrónico de Apoderamentos Xudiciais), sen que ata o momento non se trasladara información aos representantes dos traballadores e moito menos se desenrolara un programa de formación para os traballadores.


É máis, a Dirección Xeral de Xustiza limitouse a colocar na intranet xudicial, un aviso co tenor literal seguinte; “Nova aplicación Reax”. O anterior parécenos un despropósito, por que as persoas obrigadas a utilizalo son Xestores PA e Tramitadores PA. A Xunta de Galicia, unha vez máis, preocupase da campaña publicitaria da implantación de ferramentas informáticas, en lugar de formar aos traballadores e de mellorar as que xa están na Administración e cuxo funcionamento deixa moito de desexar, tipo Minerva, Lexnet, etc...

Ademáis a Normativa vixente establece que:
  • É un dereito individual dos funcionarios a formación continua e a actualización permanente dos seus coñecementos e capacidades profesionais, preferentemente en horario laboral (art. 14. g) do EBEP). 
  •  Tamén que manterán actualizada a súa formación e cualificación (artigo 54.8 EBEP). 
  • A Lei Orgánica do Poder Xudicial no seu artigo 495.1.d) di que os funcionarios teñen dereito a recibir por parte da Administración a formación necesaria, inicial e continuada, co fin de mellorar as súas capacidades profesionais de forma que lles permita unha mellor e máis pronta adaptación aos seus postos de traballo e lles posibilite a súa promoción profesional 

O que non pode pretender a Dirección Xeral de Xustiza é que co esforzo e vontade dos traballadores se cubran as carencias e deficiencias existentes nos Xulgados e Tribunais Galegos, sobre todo, se aquelas se fundamentan en antepoñer intereses económicos á calidade no servizo público.

Cremos que non é necesario explicarlle á DXX que un programa ou aplicación por moi intuitivo que sexa, esixe á Administración, para sacar o mellor rendemento do mesmo, unha formación adecuada. O único no que pode influír no seu caso, é no tempo de duración do curso, pero nunca en decidir de xeito discrecional a non impartición do mesmo.

Dende Alternativas na Xustiza-Cut ESIXIMOS se imparta o correspondente curso de formación aos traballadores de Xestión e Tramitación Procesual e Administrativa, de todolos Xulgados e Tribunais Galegos.

Galicia, 13 de outubro de 2017.

Javier Fernández Castro 

Responsable de acción sindical de Alternativas na Xustiza-Cut



AXG-Cut