"publicado en sermos galiza"
Após tres meses de paro a greve na administración de xustiza interrómpese mais sen desconvocarse. Un novo escenaio de loita, insisten desde sindicatos como CUT e STAJ, que apoian esta suspensión. Desde a CIG, porén, posiciónanse contra esa interrupción e propoñen un laudo arbitral. En todo caso, coinciden, a última palabra non está dita.
Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) xustifica a interrupción en que após tres meses de greve “facíase necesario cambiar de escenario”. Non remata o conflito, insiste, senón que este entra nunha nova fase. “É un conflito a longo prazo”, explica a Sermos Galiza, “no que a Xunta parece que aposta en esmagar, en impoñer, non en negociar”. Parabeniza os e as traballadoras por estes tres meses de mobilización e recoñece non ter moita confianza na vontade de chegar a un acordo por parte da Xunta: “Rueda é un impresentábel, un incompetente”, asegura, en referencia ao vicepresidente da Xunta.