"publicado no DOG"
RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022 pola
que se modifica a relación de postos de traballo das oficinas fiscais da
Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.
Mediante a Resolución do 26 de marzo de
2015 publicouse a relación de postos de traballo das oficinas fiscais da
Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa estrutura e
organización foi determinada polo Decreto 124/2014, do 11 de setembro (DOG núm.
186, do 30 de setembro) e que foi aprobada con carácter definitivo polo
Ministerio de Xustiza por Orde JUS/660/2015, do 25 de marzo (BOE núm. 92, do 17
de abril). Posteriormente, por Resolución do 12 de novembro de 2015, modifícase
a dita relación de postos de traballo (DOG núm. 225, do 25 de novembro), e pola
Resolución de 1 de xullo de 2020 (DOG núm. 138, do 13 de xullo) modifícase a
devandita relación de postos de traballo.
De acordo co artigo 523 da Lei orgánica
6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, unha vez aprobadas as relacións de
postos iniciais, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia para aprobar
as súas modificacións. En todo caso, as modificacións das RPT iniciais que se
produzan deberán contar co informe previo do Consello Xeral do Poder Xudicial
e, para a súa efectividade, é preceptiva a comunicación previa ao Ministerio de
Xustiza.