Este luns empeza o prazo de solicitude de cita para a declaración do IRPF

5 de maio de 2014

Bos días dende Alternativas-Xustiza.


Este luns comeza o prazo de solicitude, consulta, cambio e anulación de cita previa para modificar o borrador ou para confeccionar a declaración da renda de 2013. O último día para iso será o 27 de xuño e a asistencia, sempre previa cita, prestarase entre o 12 de maio e o 30 de xuño.

Bernardo Vergara
A cita pódese pedir por internet (www.agenciatributaria.es) co número de identificación fiscal (NIF) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) e número de referencia; co NIF/NIE e "casilla" 620 da Renda 2012; ou co certificado electrónico ou DNIe. Tamén por teléfono, no 901 22 33 44 (luns a venres de 9 a 19 horas) co NIF ou o NIE.

Así mesmo, dende mañá e ata o 30 de xuño pódense presentar as declaracións non telemáticas de renda e patrimonio 2013 en oficinas, entidades financeiras e outras colaboradoras.

Por outra parte, Facenda comeza este luns a realizar as primeiras devolucións daquelas declaracións presentadas por internet mediante o programa Padre. Facenda xa iniciou o seu período de devolucións o pasado 3 de abril para os contribuíntes que, unha vez revisado, presentaron o seu borrador de IRPF por internet na páxina da Axencia Tributaria.

En termos xerais, non están obrigados a declarar os contribuíntes con rendas exclusivamente procedentes do traballo ata un importe de 22.000 euros anuais. O límite para non declarar redúcese a 11.200 euros se os rendementos proceden de máis dun pagador (salvo excepcións), e tamén cando se perciban pensións compensatorias do cónxuxe ou anualidades por alimentos non exentas, cando o pagador non está obrigado a reter e cando os rendementos están suxeitos a un tipo fixo de retención.

Ambos os dous límites son válidos para non declarar se o contribuínte conta, no seu lugar ou ademais, con dividendos, intereses e plusvalías sometidos a retención cun tope conxunto de 1.600 euros e con rendas inmobiliarias imputadas, rendementos íntegros do capital mobiliario non suxeitos a retención derivados de letras do Tesouro e subvencións para a adquisición de vivendas de protección oficial ou de prezo taxado, co límite conxunto de 1.000 euros.

Igual que o ano anterior, tampouco estarán obrigados os contribuíntes que conten con rendementos do traballo, capital e actividades económicas, así como ganancias patrimoniais (subvencións, premios, outras), co límite conxunto de 1.000 euros, xunto con perdas patrimoniais inferiores a 500 euros.


Información publicada en www.cadenaser.com

Ligazón permanente