Guía de vacacións e permisos para o ano 2014

8 de maio de 2014

Alternativas na xustiza galega


1. Cantos días de vacacións temos neste ano? 


Vinte e dous días hábiles ou os días que corresponda proporcionalmente se o tempo de servizo durante o ano fose menor.




2.- Cantos días temos a maiores en función dos anos de servizo? 


NINGÚN. “Os canosos” nolos roubou o “desgoberno” do PP.




3.- Cantos días de vacacións se poden gozar de xeito independente? 


Sete días de vacacións poderán gozarse de xeito independente. Estes sete días poden unirse ós días de asuntos particulares e ós días de libranza por acumulación horaria.




4.- Os días de vacacións que non se poden pedir de xeito independente, como se poden pedir? 


En períodos mínimos de 5 días hábiles consecutivos.




5.- Ata cando se poden gozar as vacacións?


Ata o 15 de xaneiro do ano seguinte. Para os sete días de vacacións soltos tamén rexe este prazo límite do 15 de xaneiro.




6.-Hai que pedir algún período de vacacións de forma obrigatoria nos meses de verán?


NON. Podemos gozar das vacacións ao longo de todo o ano, sen máis limitación que as “necesidades do servizo”




7.- Se o Secretario informa desfavorablemente a nosa petición de vacacións ou permisos, o seu informe é vinculante?


NON. E o servizo de xustiza o que decide se ese informe ten a motivación necesaria para non conceder as vacacións.




8.- Cantos días de asuntos particulares temos este ano?


6 DÍAS EN GALICIA NO RESTO DO ESTADO 5 DÍAS. Catro días de asuntos particulares –os cinco que faltan ata chegar aos nove de antes nolos roubou o “desgoberno” do PP-, máis dous días adicionais concedidos –despois de negociación sindical- por dous festivos de carácter nacional que coinciden en sábado.




9.- Cantos días de asuntos particulares temos a maiores polo tempo de servizos prestados?


NINGÚN. “Os canosos” nolos roubou o “desgoberno” do PP.




10.- Ata cando se poden gozar os días de asuntos particulares?


Ata o 31 de xaneiro do vindeiro ano.




11.- Cantos días de libranza por acumulación horaria temos este ano?


Un máximo de tres días. Un día por cada sete horas e media acumulados na bolsa de horas. Estes días non son unha graciosa concesión da Administración senón o resultado das reclamacións dos traballadores e sindicatos e en NINGUN CASO deben confundirse con días de asuntos particulares roubados, xa que estes eran un dereito dos traballadores e os días de libranza son unha compensación polas horas que facemos a maiores da nosa xornada ordinaria.




12.- Ata cando se poden gozar os días de libranza por acumulación horaria?


Ata o 31 de xaneiro.




13.- Pódense xuntar días de asuntos particulares, días de vacacións soltos e días de libranza?


Si. Os días de libranza con cargo a bolsa de horas pódense xuntar cos días de asuntos particulares e cos días de vacacións de gozo independente.

Hai que ter en conta que os días de libranza e de asuntos particulares pódense gozar ata o 31 de xaneiro e que os días de vacacións de gozo independente só se poden gozar ata o 15 de xaneiro




14.- Existe algunha preferencia entre os funcionarios dun mesmo xulgado a hora de pedir as vacacións e permisos?


As mulleres xestantes teñen dereito a elixir o período que elas queiran. E as mulleres e homes con fillos menores de tres anos ou persoas maiores dependentes ao seu coidado teñen preferencia a hora de elixir o período de vacacións ou permisos sobre o resto dos traballadores.




15.- Que permisos se poden xuntar co período de vacacións?


Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, os períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo e máis os permisos por adopción ou acollemento poderanse acumular ao período de vacacións, incluso despois da finalización do ano natural a que estas correspondan.