O TSXG dálle a razón ao sindicato na súa demanda, deixando sen efecto as medidas adoptadas, pois subliña que a CRTVG vulnerou o dereito do Comité de Empresa a emitir informe previo para defender e representar os intereses dos traballadores e traballadoras cando impuxo a medida de xeito unilateral e obviando á lexislación que ampara negociación colectiva. Na súa reclamación, o sindicato tamén denunciaba o que entendía como un ataque ao seu dereito á intimidade e que violaba o segredo das comunicacións. Ademais, os e as xornalistas da CRTVG sinalaban que a empresa conculcaba deste xeito a liberdade de prensa, o segredo profesional e a confidencialidade das fontes de información. O alto tribunal xa non entra a valorar estes aspectos, dada a gravidade do incumprimento do método que a empresa debe seguir para aprobar unha norma deste tipo.
“Non é só unha magnífica noticia para as profesionais da información que traballan na CRTVG, senón para a clase traballadora en xeral. Calquera medida colectiva deste tipo que as empresas pretendan impoñer sen negociar coa representación sindical será inválida"
Para Raquel Lema, responsable da CUT na CRTVG, “non é só unha magnífica noticia para as profesionais da información que traballan na CRTVG, senón para a clase traballadora en xeral e para o sindicalismo. Calquera medida colectiva deste tipo que as empresas pretendan impoñer sen negociar coa representación sindical será inválida”. Lema salienta a este respecto que “neste momento no que, sobre todo a raíz da última reforma laboral, a negociación colectiva perdeu moita forza, que todo un TSXG lle diga á empresa que ten a obriga de informar e consultar coa representación sindical normas que afectan ao desenvolvemento do traballo de todos os empregados e empregadas é darlle un valor á negociación colectiva que a empresa lle intentou negar”.
A sindicalista lembra que neste proceso “negóusenos mesmo o dereito a negociar” e subliña que a sentenza “pon en evidencia o autoritarismo da dirección da CRTVG e a fasciscitación das relación laborais. O TSXG deixa claro que así non se poden facer as cousas, que aínda hai unha marxe moi grande para a negociación colectiva, e que nin coa reforma laboral perdemos este dereito".
Dous traballadores recibiron cartas que lles advertían de que o sistema detectara intentos de acceso a páxinas web que non estaban xustificados polos cometidos do seu posto de traballo
"Parece que ás veces, se se loita, os xulgados tamén nos dan a razón ás traballadoras"
Control laboral e control da información
A normativa imposta pola dirección da compañía xerou inmediatas críticas entre as traballadoras e traballadores, antes as que a empresa se xustificou repetindo que o obxectivo era "protexer a información da organización e o bo desenvolvemento da súa actividade". O propio Alfonso Sánchez Izquierdo, cando foi interpelado no Parlamento por esta decisión, defendeu que é unha práctica habitual en moitas empresas.
Para a CUT a medida respondía á preocupación da dirección do ente ante a crecente actividade de denuncia que os e as traballadoras estabas a realizar "dunha política sistemática de manipulación informativa"