Os xulgados de reforzo exclusivos creados para atender os casos por preferentes e subordinadas recibiron no seu primeiro ano de funcionamento 3.388 demandas. Delas, 1.908 foron recibidas polo xulgado de reforzo de Vigo e 1480 polo da Coruña. A data 2 de setembro foran resoltos 2500 casos, o que supón case o 75% dos asuntos ingresados. Nestes momentos o xulgado exclusivo da Coruña ten 423 asuntos pendentes de resolución, e o de Vigo 456.
A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial acordou en agosto, tras examinar as propostas da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, prorrogar ata o próximo 31 de decembro as medidas de reforzo existentes nos xulgados de primeira instancia de Vigo e da Coruña. Estas medidas están en vigor desde setembro de 2013, tras a aprobación dun plan de actuación especial posto en marcha por Poder Xudicial e Xunta de Galicia para atender o incremento do nivel de entrada de asuntos como consecuencia da masiva presentación de demandas derivadas da comercialización de produtos financeiros híbridos (preferentes e subordinadas).
O estado dos xulgados exclusivos de preferentes foi un dos temas que hoxe se abordou na reunión da comisión mixta presidida por Miguel Ángel Cadeas, presidente do TSXG, e Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. Neste encontro abordouse tamén a distribución de novas prazas de xuíz e maxistrado creadas polo Ministerio de Xustiza.
Publicado o 08/09/2014 en www.lavozdegalicia.es
Ligazón
Etiquetas: Estatísticas , Xulgados