Estes manuais de linguaxe administrativa e xurídica, que se distribúen a través de internet para facilitar o acceso a eles, están elaborados a partir dos contidos extraídos dos cursos medio e superior de linguaxes específicas ofrecidos pola Xunta de Galicia para a formación dos empregados públicos. A súa programación curricular vén determinada pola Orde do 13 xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG núm. 121 do 24.06.2011).
Os manuais de linguaxe, que combinan contidos teóricos e exercicios, abordan de forma práctica e sinxela os principais parámetros que cómpre ter en conta para producir textos de calidade na administración. As unidades didácticas que os compoñen están orientadas a afondar na mellora das competencias gramatical, léxica, de redacción e estilo e de comunicación oral.
Amais das consideracións centradas na mellora da calidade textual, neste material tamén se integran contidos de contorno sociolingüístico co fin principal de seguir asentando o valor do idioma propio como lingua vehicular da administración galega. Os manuais recollen na parte final unha práctica guía de recursos e un glosario de termos administrativos e xurídicos.
Estes catro manuais compleméntanse co Manual práctico de documentos administrativos e xurídicos, que presenta as tipoloxías documentais máis usuais nos contextos comunicativos de cada ámbito. Este material ten un marcado fin didáctico, por iso, ademais das indicacións teóricas sobre a estrutura e a funcionalidade de cada documento, ofrécese de modo exemplificador un documento orixinal comentado e unha posible proposta de mellora. En cada caso práctico, preséntase unha análise polo miúdo da calidade textual segundo os parámetros de estrutura e composición, redacción e estilo, gramática e léxico.
Ligazón Etiquetas: Formación , Lingua galega