En relación coa recuperación de parte da paga extra que se nos roubou no 2012, as Secretarías de Estado de Presupostos e Gastos e de Administracións Públicas publicaron unha resolución conxunta coas instrucións para facer efectiva a devolución do 25% da devandita paga, en aplicación da disposición adicional décima segunda, da Lei 36/2014, do 26 de decembro, de Presupostos Xerais do Estado para 2015, pero que non é de aplicación aos funcionarios do corpos nacionais transferidos ás Comunidades Autónomas.
Corresponde, xa que logo, á Xunta de Galicia informar dos trámites que deben cumprimentarse naqueles casos nos que non se procederá á devolución de oficio e sexa necesario unha petición dos interesados (xubilados, interinos que cesaron ou funcionarios que naquelas datas estaban destinados noutras Comunidades), o que, a día de hoxe, nunha mostra máis de incapacidade e desorganización, aínda non fixo.
De todos os xeitos, no caso do persoal interino que, por prestar servizos no período comprendido entre o 1 de xuño de 2012 e o 30 de novembro de 2012 ten dereito á devolución de parte da paga extra e que non estea en activo o 1 de xaneiro de 2015, entendemos que deberá presentar unha solicitude de aboamento da parte proporcional da paga extra ante a delegación da consellería de Xustiza da provincia na que estivese a prestar os seus servizos no ano 2012.
O 25% da paga extra e paga adicional do nadal de 2012 devolverase en Galicia en dous prazos, un 12,5% en xaneiro e o outro 12,5%, en abril.
Temos ao voso dispor un modelo de solicitude para facer a reclamación. Podes poñerte en contacto connosco a través do correo: alternativas.xustiza.blog@gmail.com ou do teléfono: 639.772.386
- Descarga o modelo de reclamación en formato Word ou PDF
Etiquetas: Interinos , Retribucións