No #8Marzo no Día da Muller Traballadora: Nós tamén marchamos!

8 de marzo de 2015


Levamos meses a ouvirmos que a crise está superada, que xa se ve a luz ao final do túnel e que, de aquí en diante, as cousas van ir a mellor. Este ruído que nos chega dende os partidos do réxime, e aumentado polos seus medios de desinformación, vese unha e outra vez contestado polos cruentos datos que nos amosa día tras día a realidade.

As políticas de austericidio, materializadas a través das reformas laborais, deron lugar a despedimentos masivos e baixadas de salarios que levaron a case 72.000 galegas á emigración. Ás que quedamos no país padecemos taxas de desemprego do 21% que, nas máis mozas, chega mesmo ao 52%. Ademais, vemos como a diferenza de salarios con respecto aos homes aumenta: polo mesmo traballo cobramos un 24% menos o que significa que temos que traballar case 80 días máis para percibir o mesmo salario.

A máis disto, a eliminación de prestacións e subsidios e o desmantelamento dos xa precarios servizos sociais públicos, viñeron a empeorar a situación xa deficitaria das persoas responsábeis dos coidados (maioritariamente mulleres). Estas situacións fixeron aumentar as bolsas de pobreza ao tempo que empuxaban, sen outra alternativa, ás mulleres a seren a maioría nas mesmas.

Mais esta brutal ofensiva que as mulleres da clase traballadora estamos a sufrir por parte dun sistema patriarcal en descomposición están a ser combatidos nas rúas coa unidade do movemento feminista. A nosa forza foi a que fixo parar a reforma do aborto que pretendía tutelar as nosas decisións e que agora quere impór ás mulleres mozas unha maternidade non desexada.

Dende a Central Unitaria de Traballadoras – CUT chamamos neste 8 de marzo a saír ás rúas xuntas. Berrando alto e claro que todas as mulleres temos dereito a decidir. A decidir sobre nós mesmas sen ningún tipo de discriminación. Para isto debemos ser libres como pobo e como mulleres traballadoras.

Esiximos a fin das políticas de exterminio que atentan contra a saúde das mulleres, que tentan adoutrinarnos, que nos deixan soas fronte os nosos agresores tanto na casa como no centro de traballo, que pretenden someternos economicamente e que pretenden negarnos como parte dunha nación que loita pola súa liberdade, Galiza. Só logrando rematar de vez con estas políticas poderemos comezar a ser donas das nosas decisións.