Convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4

21 de agosto de 2015



No Diario Oficial de Galicia número 159, do 21 de agosto de 2015, publícase a Resolución do 17 de agosto de 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.


Ligazón


Destinatarios/as dos cursos, solicitudes e prazo

Segundo. Destinatarios/as dos cursos

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou por aquelas que os cumpran no ano natural da convocatoria.

Terceiro. Solicitudes e prazo

Para conseguir o rendemento adecuado e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade de coñecementos do alumnado, polo que, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberase ter en conta a definición de contidos previstos na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo.

As solicitudes, segundo o modelo do anexo I, dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED104B, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web

http://www.xunta.es/linguagalega, que permite cubrir e editar a solicitude.

Só se poderá presentar unha única instancia e solicitar un único curso por persoa. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de solicitar esta máis dun curso, anularanse todas as súas peticións.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o cal se utilizará o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.