No Diario Oficial de Galicia númeo 199, do 19 de outubro de 2015, publícase a Resolución do 15 de outubro de 2015, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publica o acordo de transposición en materia de permiso por asuntos particulares e vacacións por antigüidade establecidos no Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro.
Ligazón
Texto
O Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro (BOE de 12 de setembro), polo que se conceden créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento do Estado, aprobou unha serie de medidas entre as cales se atopa a modificación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, que incrementan o número de días de permiso por asuntos particulares restituíndo un sexto día para todos os funcionarios públicos e restablecendo o número de días de permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, para o persoal da Administración xeral do Estado.
Esta norma básica permite ao resto das administracións públicas establecer un réxime similar ao que xa se vén aplicando para o persoal da Administración xeral do Estado, sendo cada Comunidade Autónoma a que regule o réxime de goce de días adicionais de permiso por asuntos particulares e de vacacións en función da antigüidade.
Así, o Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, ademais de modificar o artigo 48 da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, introduce nel dúas disposicións adicionais, ditadas ao amparo das competencias exclusivas que o artigo 149.1.18ª da Constitución atribúe ao Estado en materia de bases do réxime xurídico das administracións públicas, relativas ao permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, que habilitan as administracións públicas para establecelos nos termos que se fixan.
Co fin de que as empregadas e empregados públicos poidan gozar no ano 2015 destas medidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sen teren que esperar polas modificacións legais oportunas –que entrarán en vigor previsiblemente a primeiros de xaneiro de 2016–, a Dirección Xeral de Función Pública e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF, en xuntanza da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, do 15 de outubro de 2015, acordan a trasposición en materia de permisos por asuntos particulares e vacacións por antigüidade establecidos no Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro.
Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2015
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública
ANEXO
Acordo de transposición en materia de permiso por asuntos particulares e vacacións por antigüidade establecidos no Real decreto-lei 10/2015, do 11 de setembro
O Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro (BOE do 12 de setembro), polo que se conceden créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento do Estado, aprobou unha serie de medidas entre as cales se atopa a modificación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, que incrementan o número de días de permiso por asuntos particulares restituíndo un sexto día para todos os funcionarios públicos e restablecendo o número de días de permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, para o persoal da Administración xeral do Estado.
Esta norma básica permite ao resto das administracións públicas establecer un réxime similar ao que xa se vén aplicando para o persoal da Administración xeral do Estado, sendo cada Comunidade Autónoma a que regule o réxime de goce de días adicionais de permiso por asuntos particulares e de vacacións en función da antigüidade.
Así, o Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, ademais de modificar o artigo 48 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, introduce nel dúas disposicións adicionais, ditadas ao amparo das competencias exclusivas que o artigo 149.1.18ª da Constitución atribúe ao Estado en materia de bases do réxime xurídico das administracións públicas, relativas ao permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, que habilitan as administracións públicas para establecelos nos termos que se fixan.
Co fin de que as empregadas e empregados públicos poidan gozar no ano 2015 destas medidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sen teren que esperar polas modificacións legais oportunas –que entrarán en vigor previsiblemente a primeiros de xaneiro de 2016–, a Dirección Xeral de Función Pública e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF.
ACORDAN:
Primeiro. Permiso por asuntos particulares por antigüidade
O persoal dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o dependente das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, terán dereito ao gozo de dous días adicionais de permiso por asuntos particulares ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.
Os días por asuntos particulares poderán acumularse aos días de vacacións que se poden gozar de forma independente.
Queda excluído desta disposición o persoal docente, que se rexerá pola súa lexislación específica.
Segundo. Días adicionais de vacacións por antigüidade
O persoal dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o dependente das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, terán dereito ao gozo dos seguintes días de vacacións anuais, ao completar os anos de antigüidade que a seguir se indican:
– Quince anos de servizo: vinte e tres días hábiles.
– Vinte anos de servizo: vinte e catro días hábiles.
– Vinte cinco anos de servizo: vinte e cinco días hábiles.
– Trinta ou máis anos de servizo: vinte e seis días hábiles.
Queda excluído desta disposición o persoal docente, que se rexerá pola súa lexislación específica.
Terceiro. Período de desfrute
Os días referidos ao permiso por asuntos particulares por antigüidade e os días adicionais de vacacións por antigüidade, correspondentes ao ano 2015, poderán gozarse ata o día 30 de abril de 2016.
Cuarto. Desenvolvemento do acordo
A persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública emitirá, de ser o caso, as instrucións precisas para a aplicación do presente acordo.
Quinto. Entrada en vigor
Este acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.
A sinatura do presente documento non implica para as organizacións sindicais asinantes a renuncia ás demais materias suspendidas pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro.
Santiago de Compostela, quince de outubro de dous mil quince
Etiquetas:
Permisos
,
Vacacións