"Moitas mulleres maltratadas chegan con medo a que o xulgado non estea á altura do problema"

24 de novembro de 2015

Entrevista a Pablo Valeiras, de Alternativas na Xustiza-CUT.


O pasado venres Alternativa na Xustiza - CUT denunciou a situación de "caos" e "colapso" que se vive no xulgado de Violencia de Xénero e nos xulgados de Familia de Vigo pola falta de medios e a ausencia de resposta da administración, sinalando que en moitas ocasións "medidas urxentes relacionadas con vítimas de violencia machista e con menores "tardan meses en ser tramitadas". De feito, no que vai de ano, o xulgado de Violencia de Xénero da cidade olívica tramitou xa 900 asuntos, e a metade están sen resolver. Ten máis de 300 ordes de protección en vigor, 119 delas concedidas este 2015. O sindicato convocou paros alternos de tres horas os luns, mércores e venres das dúas últimas semanas de decembro (os días 14, 16, 18, 21 e 23) e celebrará concentracións os días 1 e 10 dese mes.

Unha das primeiras demandas é a incorporación dun novo maxistrado ou maxistrada que axude a axilizar o traballo, aínda que dende o sindicato aclaran que esta medida é necesaria, pero que debe complementarse con moitos outros recursos. "No xulgado de Violencia de Xénero é todo urxente, porque os asuntos que chegan no día teñen que saír no día, pois así o fixa a lei. Dende que entra a vítima e a súa denuncia ou as denuncias que chegan a través dos atestados policiais, as medidas que se tomen (afastamento e outras) teñen que decidirse esa mesma tarde. Aquí os máis dos días a xente está saíndo ás seis ou ás sete da tarde e moitas veces os traballadores e traballadoras non saben a que hora sairán", explica Valeiras.

"O persoal do xulgado vese obrigado a levar a cabo funcións que non lle corresponden, funcións impropias" -comenta- "dende ofrecer atención psicolóxica, pois non hai ninguén no xulgado de asistencia neste eido, ou quedar cos fillos destas rapazas porque non elas teñen con quen deixalos". "Reivindicamos medidas e medios de reforzo para poder sacar adiante os casos urxentes, que son todos, para poder solucionar o traballo. Se non se saca o traballo, as prexudicadas son as mulleres maltratadas, que están nunha situación bastante mala de por si", destaca.


Ler máis...