A Xustiza de Paz tamén existe!!!

28 de decembro de 2016

O pasado mes de novembro mantivemos unha reunión co Alcalde de Narón, co fin de tratar entre outras cuestións menores, dúas carencias fundamentais que afectan ao Xulgado de Paz da devandita localidade.

A primeira, proporcionar unha seguridade adecuada e equilibrada aos funcionarios do Xulgado, pola propia ubicación do mesmo, xa que se atopa na primeira planta dun edificio onde non hai máis xente traballando, e tamén polo tipo de xestión que se realiza naquel. É dicir, as materias que alí se tratan en xeral son conflitivas, por tanto pódense xerar situacións de risco para os traballadores, tendo en conta que a poboación de Narón supera os 40.000 habitantes.

Con respecto a este punto, podemos dicir que xa está solucionado e que cando se prevean ou existan dúbidas de que se poden xerar situacións de conflito, os traballadores non teñen máis que avisar a unha patrulla da Policía Local que se pasará inmediatamente, cantas veces sexa necesario.

O outro tema do que se falou, foi o do incumprimento da Lei 10/2014 do 03 de decembro que garante a accesibilidade das persoas con minusvalías ou mobilidade reducida aos edificios públicos.

Comentamos que de ningunha maneira íamos tolerar o incumprimento da lexislación vixente, lembrándolle que o Concello incorrerá nunha sanción grave, cuxa multa ascende de 30.001 ata un máximo de 90.000 euros.

Neste punto, e tras varias conversas telefónicas co Alcalde, temos o compromiso que con cargo aos orzamentos do ano 2017 solucionan o problema.

Da mesma maneira, hai unha semana aproximadamente mantivemos reunión co Alcalde de Pontedeume, na que se pactou verbalmente que no primeiro trimestre e con cargo aos orzamentos do ano 2017, solucionaran os problemas de iluminación e condicións ambientais do Xulgado de Paz, co fin de garantir unhas condicións mínimas de seguridade e saúde dos traballadores (Real Decreto 486/1997 do 14 de Abril).

 “EN AMBOS CASOS INFORMAREMOS CANDO QUEDEN TOTALMENTE SOLUCIONADOS”.

Alternativas na Xustiza-Cut A Coruña.