Solicitamos dotación de plantilla e denunciamos agravio comparativo no Xulgado Penal 2 de Ferrol

24 de xaneiro de 2017

Con data 30 de decembro de 2004 creouse o Xulgado do Penal número 2 de Ferrol no que se fixaba a seguinte plantilla:

 2 Xestores P.A
 4 Tramitadores P.A
 2 Auxilios Xudiciais

Dende un primeiro momento, e obviando o publicado no Boletin Oficial do Estado (tamén se pode ver ou comprobar a dotación orgánica da plantilla na estatística do CGPX), a Dirección Xeral de Xustiza, sen ningún tipo de xustificación ou razón obxectiva, dotou a este Órgano Xudicial con dous funcionarios menos. (Un funcionario do Corpo de tramitación e outro de Auxilio Xudicial).


A Letrada da Administración de Xustiza de devandito Órgano Xudicial, solicitou ata a saciedade e en repetidas ocasións, que se completase o persoal do Xulgado tal e como foi aprobada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, e como non podía ser menos, achegando a maiores datos que xustificaban tal petición, entre outros, agravio comparativo respecto ao Xulgado do Penal número 1 da devandita localidade. 

Remitiu ademais informes detallados á Secretaria Coordinadora de A Coruña, interesando tomásense medidas para completar a plantilla do Xulgado, das que non se obtivo resposta. Con todo, no ano 2010 a Xunta de Galicia a través do Secretario de Goberno, considerou que o persoal era suficiente para o volume de traballo do Xulgado.

Igualmente, solicitouno á Dirección Xeral de Xustiza, sendo a última petición no 2014, solicitude que foi apoiada pola Maxistrada titular do Xulgado. 

Desde Alternativas na Xustiza-Cut, NON ENTENDEMOS como a Dirección Xeral de Xustiza, doce anos despois non tomou ningunha medida o respecto, saltando todas as regras legais e morais, dotando a un Xulgado do mesma orde xurisdicional, na mesma localidade, coa mesma ou similar carga de traballo, con 8 funcionarios, e ao outro, descoñecendo a razón, dótao con seis funcionarios. (DOUS MENOS)

O que non pode pretender a Dirección Xeral de Xustiza, é que os Xulgados funcionen con celeridade e ofrecendo unha boa calidade no servizo público, á conta do estres laboral e sacrificio dos traballadores, que se traduce en realizar mais horas das que legalmente están obrigados.

Os datos estatísticos anuais do Consello Xeral do Poder Xudicial, e a Memoria Xudicial do ano 2015 publicada recentemente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, avalan a situación denunciada. 

Dende Alternativas na Xustiza-Cut, ESIXIMOS UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA, pois entendemos que unha situación de tal calado non se lle pode dar o trato que se lle deu durante estes doce anos, que non é outro, que o desprezo absoluto cara aos traballadores do Xulgado, Maxistrada, Letrada da Administración de Xustiza, operadores xuridicios e cidadáns, nos que repercute o atraso na tramitación dos seus expedientes xudiciais.

 A Coruña, 20 de xaneiro de 2017.

Responsable de Acción Sindical de Alternativas na Xustiza-Cut 
Javier Fernández Castro.


dotación de plantilla