AXG-CUT esixe á Dirección Xeral de Xustiza cambiar os puntos da orde do día da mesa sectorial (13 de xullo)

11 de xullo de 2017

"escrito remitido ao Director Xeral de Xustiza"

AXG-CUT ao longo destes meses solicitamos a convocatoria da Mesa Sectorial para tratar temas que afectaban e afectan a todos os funcionarios da Admón. de xustiza de Galicia.


Dende o mes de xaneiro a Dirección Xeral non convocou ningunha Mesa de Negociación. É certo que na última época houbo problemas médicos que afectaban á Dirección Xeral de Xustiza e que non facilitaban as cousas (nese momento os Sindicatos asumimos a situación e demos tempo a que se solventaran).

Agora resulta que vostede como resposta, convoca unha Mesa Sectorial na que se recollen coma puntos da orde do día temáticas que son de Mesa técnica, xa que nunca foron negociados e non existía texto ningún;

Comisións de Servizo. Unha regulación que afectará non só aos funcionarios galegos, senón a todos os funcionarios do estado, que polo visto no texto a Dirección Xeral de Xustiza pretende, unha vez máis, xeneralizar as arbitrariedades.

Rpt Imelga. Cando AXG-CUT solicitamos que se leve a documentación da NOX de Ourense á Mesa Sectorial, pois afecta a tódolos traballadores Galegos e vostede presenta unha renovación da RPT do Imelga, cando non houbo unha Mesa Técnica previa.

Modificación amortizacións nas seccións penais das Audiencias Provinciais. Xustamente neste punto solicitado por este sindicato non se presenta ningunha documentación. Parece que unha vez máis a Dirección Xeral de Xustiza pretende dicir a mesma retaila de sempre "depende de facenda”.

Persoal de reforzo. Neste tema, de interese para tódolos traballadores, tampouco se envía ningún tipo de Documentación.

Bolsa de interinos Xustiza. Despois de modificar unilateralmente a normativa e ter que modificar, pola presión deste sindicato e centos de traballadores que apoiaron a nosa posición por escrito, pretende presentar o texto a Mesa cando quedan sen recoñecer a antigüedade dende 1992, maior valoración galego, e modificar valoración cursos.

A orde do día presentada por vostede, tras a paralización da Mesa Sectorial por circunstancias de saúde incontrolables e asumidas polos Sindicatos, parécenos non só desprezable, ademáis de que non responde as necesidades da administración, e moito menos dos traballadores.

Por todo o antes exposto, esiximos os seguintes puntos da orde do día:

A implantación da NOX. Pois terá unha repercusión directa sobre a organización do traballo, os dereitos, as funcións, complemento específico, concursos de traslados, etc.. dos traballadores da Admón. de Xustiza de Galicia e o resto de operadores xurídicos.

Descontos IT. Negociar, tal e como se comprometeu o Director de función pública antes das eleccións, unha nova normativa sobre os descontos por incapacidade laboral (I.T).

Con respecto aos puntos propostos por vostede (bolsa interinos, Comisións de Servizo, Rpt Imelga) esiximos a convocatoria de Mesas Técnicas para negociar, e posterior convocatoria de Mesa Sectorial.

En Galicia, 11 de xullo de 2017.

Responsable de acción sindical de Alternativas na Xustiza-Cut. 
Javier Fernández Castro

Alternativas na Xustiza-CUT