Coma estratexia podería valer, pero ten un pequeno problema: é ilegal.
Os peches patronais só son legais en casos de violencia, ocupación ou incapacidade absoluta para prestar os servizos, e ningún dos supostos se cumpre neste caso. Só dende esta perspectiva, a de buscar pechar a Xustiza e deixar os traballadores nunha situación insostible e á intemperie, se pode entender que a manifesta incapacidade para negociar un conflito laboral que non ten nada de extraordinario non teña tido xa consecuencias políticas.
Alomenos na forma dos ceses fulminantes dun director de Xustiza que vai camiño de pasar á historia como o home que provocou a folga máis longa da historia universal da Xustiza, ou un director de Función Pública ao que lle pagan para entenderse cos sindicatos e ten como único resultado visible da súa xestión que os sindicatos o rexeiten e terse convertido nunha parte do problema.
O director de Xustiza vai camiño de pasar á historia como o home que provocou a folga máis longa da historia universal da Xustiza Que o vicepresidente Alfonso Rueda se teña desentendido dunha folga que cae directamente nas súas competencias, vai para dúas semanas e con consecuencias gravosas para o conxunto da sociedade, empezando polos propios traballadores que non van cobrar, era algo perfectamente previsible nun político que xa ten demostrado moitas veces que só é valente dende lonxe e cando o entrevistan en La Voz de Galicia, o medio ao que paga tan xenerosamente para que lle fagan parecer un sucesor viable e para sinalar a diario aos traballadores da Xustiza diante da opinión pública.
Máis raro resulta que un tipo tan listo coma O Noso Alberto teña cometido a estupidez de empregar como coartada fronte ás demandas dos traballadores da Xustiza a precariedade masiva que padecemos, ou os salarios de fame que cobra tanta xente nova para poder empezar a traballar; coma se a precariedade e os contratos lixo foran culpa dos forenses ou os auxiliares dos xulgados, e non dos presidentes e os gobernos. A única explicación para semellante parvada é a clásica: ese peitolobo que leva dentro, que se escapa sempre que pode.
A ver se vai resultar que ao final Carlos Marx tiña razón e a plusvalía sae da explotación do traballo Sostén a Xunta que os sindicatos só queren falar de cartos, que o que piden afundiría as arcas públicas e que xa lles ofrecen cousas tan boas e xenerosas como cobrar de acordo coa categoría do traballo que fan, como esixe a lei e agora a Xunta incumpre de maneira escandalosa; ou dotar máis postos de traballo para acabar cun colapso xudicial agravado polos recortes impostos polo propio Goberno galego, para que O Noso Alberto puidera fachendear en Madrid de perrear co déficit coma ninguén.
A Xunta ofrece 90 euros ao mes e os sindicatos piden 225 euros. Hai un monte para negociar. Dicirlles aos traballadores da Xustiza que se non lles gustan as condicións laborais marchen, ou que fóra hai milleiros esperando para coller o traballo é a base sobre a que se ten conseguido a tan pregoada recuperación económica. As contas das administracións volven cadrar, e os beneficios empresariais volven estar nos niveis de antes da crise en parte porque os salarios seguen coma se estiveramos en plena recesión; a ver se vai resultar que ao final Carlos Marx tiña razón e a plusvalía sae da explotación do traballo.
ligazón á noticia completa
Etiquetas: #7F , #FolgaXustiza