Máis dun mes despois do inicio o pasado 7 de febreiro da folga indefinida do persoal da Xustiza para mellorar as súas condicións salariais e laborais, este venres, nunha nova negociación que se prolongou ata ben entrada a noite, o Goberno galego volveu ceder nas súas posturas e ofreceu unha nova mellora. Faino malia que ao pouco de comezar o paro, o 13 de febreiro, o vicepresidente da Xunta e responsable da área, Alfonso Rueda, aseguraba que a postura do Goberno galego "non vai variar por moito que pasen os días".
Porén, tras un mes perdendo o soldo, a mellora é aínda insuficiente para os sindicatos que, malia o intento do Goberno galego de presentator como divididos, manteñen a súa unidade e a folga de xeito indefinido, á espera de que esta próxima semana se retomen as negociacións.
O Goberno galego comezou a negociación cos sindicatos hai un mes ofrecendo un aumento do complemento autonómico transitorio de entre 660 e 900 euros ao ano de xeito progresivo ata 2020 segundo as categorías dos traballadores. Daquela, o presidente Feijóo tentou debilitar a postura dos sindicatos lanzando contra eles a población parada e mileurista dicindo que non cría que “os traballadores, os que están no paro ou teñen soldos semellantes ao salario mínimo interprofesional consideren que 1.000 euros ao ano é unha proposta ridícula". A oferta deste venres xa ascendeu a 105 euros ao mes, 1.260 euros máis ao ano, e o propio director xeral de Xustiza, Juan José Martín, admitiu que tras máis dunha ducia de reunións “estamos na sétima oferta", o que supón que a Xunta xa mellorou a súa postura seis veces malia asegurar que non o faría.